En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Visita á Serra da Lastra polo Día Europeo dos Parques Naturais

O parque ubicado no concello de Rubiá pode visitarse de mércores a venres pola tarde e as fins de semana todo o día

Co lema Cambia o parque, cambia o clima, “queremos concienciar no só aos escolares, senón a todos os cidadáns, da importancia de manter os nosos parques como unha forma de loitar contra o cambio climático”, aseguraba a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, no parque natural Serra da Enciña da Lastra en Rubiá, do que destaca “o potencial da biodiversidade e riqueza”.

Díaz Mouteira Díaz Mouteira visitaba na mañá do 25 de maio o Centro de Interpretación-Centro de visitantes, na localidade de Biobra, percorrendo parte do enclave natural con motivo da conmemoración do Día Europeo dos Parques Naturais. Xunto cun grupo de escolares do CEIP San Martiño de Vilariño de Conso, a delegada participaba no roteiro interpretado das Dúas Vertentes-Soutos baixo Pena Falcueira para coñecer os principais valores naturais e as especies de fauna e flora protexidas existentes neste enclave e animou ao alumnado a “coñecer estes espazos protexidos e a preservalos”. Nesta visita, a delegada territorial estivo acompañada pola xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Victoria Núñez, e pola Xefa Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Luz Fernández, así como do director do parque Alfonso Fumega, do guia Adrián e do garda forestal Goyo.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está a levar a cabo diversas actuacións co fin de potenciar os valores dos seis parques naturais galegos a nivel natural, ambiental, paisaxístico e de biodiversidade, xa que “teñen un enorme potencial económico, turístico e social polo que hai que aproveitar os seus recursos e potencialidades, dentro do compromiso coa sustantibilidade”, indicou Díaz Mouteira. Nese senso, veñen de presentar unha APP dos parques naturais de Galicia para descargar gratuitamente, cunha descripción de cada un deles, que ver, rutas,.. O mesmo material pero en formato papel pode conseguirse nas oficinas dos propios parques, así como a “Compostela dos parques naturais”, unha especie de pasaporte que se selará en cada parque que se visite para despois entrar nun sorteo dunha fin de semana e descontos nas diferentes  localidades”, explicou a delegada, asegurando que é unha forma de convidar á xente a que se achegue aos parques coñecendo asemade o entorno.

A Serra da Enciña da Lastra é o parque máis pequeno dos tres emprazados na provincia de Ourense. Ocupa máis de 3.150 hectáreas con 45 quilómetros de sendeiros repartidos en 10 rutas. Nél sitúase o principal macizo calcáreo de Galicia que implica o sustento dunha biodiversidade excepcional, tanto de tipos de hábitats e formacións vexetais como de especies de flora e fauna. Cómpre destacar a representatividade dos ecosistemas presentes de carácter mediterráneo en contraposición aos atlánticos do resto de Galicia, así como pola singularidade da súa flora, fauna e formacións xeomorfolóxicas. As  visitas poden facerse de mércores a venres pola mañá e as fins de semana pola mañá e pola tarde. Teléfono de contacto: 988 324 319.

Malia as características que fan deste un parque único, non acaba de arrancar, algo que botan en falta os propios veciños. O señor José achegouse ata o centro durante a visita, desexando que “se poñan a andar dunha vez e fagan actividades”.

Fotos: Carlos G. Hervella, excepto a última da galería que é cedida.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button