ConcellosÚltima horaVilariño de Conso

“Vive o Nadal en Vilariño”, campaña deste Concello para as vindeiras festas

Vén de presentar o seu programa de actividades, con diversas propostas que buscan "que entre todos poidamos gozar, aínda que con restricións, destas datas"

Cesta de produtos de Vilariño de Conso.

 

Dende o Concello de Vilariño de Conso vén de presentarse, a través das súas redes sociais, unha campaña moi especial para as vindeiras datas festivas. O seu título é “Vive o Nadal en Viariño” e propón unha serie de actividades “para que entre todos poidamos gozar, aínda que con restricións, destas datas”, pensando tamén nos máis pequenos. “Queremos un Concello Vivo, alegre e divertido, como era antes desta pandemia”, sinala a súa alcaldesa, Melisa Macía, e con ese afán vén de preparase un programa que inclúe ata catro actividades diferentes.

Unha delas será a decoración de casas e núcleos de poboación do municipio. Os participantes deberán inscribirse antes do 22 de decembro (indicando se participan na categoría casa ou aldea) a través do teléfono 618393488. Ademais “a decoración, un obxecto no exterior, debe ser o máis natural posible, ou en material reciclado” e os participantes deberán enviar a foto “Vive Vilariño” (na categoría de casa) e a “Destino Vilariño” (na de aldea) e serán publicadas nesas páxinas de Facebook o 28 de decembro, e durante todo o día poderán ser votadas, sendo a foto que reciba máis “gústames” a gañadora en ambas categoría. Cada unha das fotos ganadoras será agasallada cunha cesta feita con produtos de artesanía elaborados en Vilariño de Conso.

Visitas do Pandigueiro e dos Reis Magos

Tamén se espera a visita do Pandigueiro, un personaxe tradicional do Nadal desta zona de montaña, que recollerá as cartas para os Reis Magos. Así mesmo organizaranse actividades lúdicas nas aldeas e, por suposto, Vilariño recibirá a visita das súas maxestades os Reis Magos polas diferentes localidades do concello con reparto de agasallos e lambetadas para todos.

 

Artigos relacionados

Back to top button