A RúaConcellosÚltima hora

Voluntarios de Protección Civil da Rúa, distinguidos polos seus 25 anos de servizo

Recibían este recoñecemento no acto de entrega de medallas celebrado onte na AGASP

Publicidade

 

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) acollía o 28 de novembro o acto de entrega das medallas aos voluntarios de Protección Civil. Entre os distinguidos estaban voluntarios da agrupación de Protección Civil da Rua, que recibían un recoñecemento polos máis de 25 anos de labor en favor dos demais.

O acto estaba presidido polo vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, quen destacou a importancia destas medallas aos voluntarios “que levan a cabo un traballo completamente altruísta no seu día a día para velar pola seguridade dos seus veciños, con especial dedicación nos meses máis duros da pandemia do coronavirus coa entrega de alimentos e medicamentos, o acompañamento de persoas que viven soas ou a desinfección de espazos públicos”.

 

 

Por iso, entre as condecoracións destacaba a entrega da Medalla de Ouro ao conxunto das agrupacións galegas pola súa colaboración na loita contra a covid e a súa contribución á sociedade na atención da poboación na crise sanitaria.

Galicia conta con 234 agrupacións que suman máis de 5.000 voluntarios. A concesión das medallas ao mérito de Protección Civil de Galicia ten por finalidade distinguir as persoas físicas ou xurídicas e/ ou ás institucións que sobresaian polas súas actividades en materia de protección civil, así como a prestación de servizos continuados no tempo, de interese para a protección civil, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

No acto celebrado o pasado domingo fíxose entrega das medallas correspondentes aos anos 2020 e 2021.

Imaxes cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button