ConcellosEn portadaO BarcoÚltima hora

Os caracois volven alumearlle o camiño á Virxe da Soidade no Castro (O Barco)

A vila recuperaba na noite deste Venres Santo a súa tradicional procesión "dos Caracois"

 

A Virxe da Soidade, portada por catro mulleres enloitadas, saía da igrexa do Castro (O Barco) neste Venres Santo na escuridade. Ás 22h. as luces desta vila apagábanse e comezaba esta procesión da Soidade, máis coñecida como “dos Caracois” xa que é tradición que ao paso da imaxe se lle vaia prendendo lume a centos e centos de cunchas de caracois, que van alumando o camiño da procesión. Algunhas debuxaban diferentes formas, como cruces, outras simplemente marcaban o camiño. Tamén se usaban numerosas piñas.

A súa preparación e o proceso de ir acendéndoos corren a cargo dos veciños do Castro, que días antes comezan coa organización, cuxos preparativos culminan na tarde e noite do Venres Santo.

A comitiva relixiosa facía unha parada fronte á capela privada do Pazo do Castro. De seguido, a procesión continuaba, percorrendo o pobo ata concluír, de novo, na igrexa. Multitude de persoas participaban neste acto relixioso, un dos máis emblemáticos da Semana Santa barquense que se recupera tras a obrigada paréntese de dous anos por mor do Covid-19.

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button