En portadaÚltima horaVídeos

Xa está na rúa o álbum de cromos do CD Barco “50 anos con vos. Pasado, presente e futuro”

 

Poucos clubs de fútbol poden presumir de ter celebrado medio século de historia. Por iso a presentación do álbum de cromos do 50º aniversario do Centro de Deportes Barco merecía unha gran festa que non defraudou.

 

 

Na tarde deste xoves 21 de marzo, antes do adestramento, o equipo sénior do CD Barco acudía ao Campiño de Viloira para celebrar cos máis pequenos do club, coa directiva, corpo técnico e afección, tan destacada efeméride.

 

 

Tal como estaba previsto e cos cativos no terreo de xogo segundo as categorías, o presidente do club, Nilo Ramos, daba a benvida aos presentes, agradecendo a implicación de todos os que fixeron posible “50 anos con vos. Pasado, presente e futuro” unha colección moi especial que fai un repaso polos 50 anos de historia do club, con fotos inéditas, destacando que a recadación irá destinada á compra de material da base”. De contado eran os xogadores do primeiro equipo os que repartían os álbumes personalizados a cada neno que despois eles mesmos lles asinaban.

 

 

Como en toda festa que se precie, esta tarde non faltaron nin a música nin os refrescos nin os doces. Ademais como oferta de presentación vendían paquetes de 23 sobres por 25 euros e ningún repetido. “Foi un éxito, acabamos os 3.200 sobres que tiñamos”, di Nilo. O prezo despois será de 1,20 euros cada sobre e poden mercarse nos seguintes puntos de venda: cantinas do campo de fútbol de Calabagueiros e Campiño de Viloira; Libería Laura (Viloira); Peluquería Nilo; Librería Dados; Librería Delia, Librería Yoli, Churrería A General; La Placita; Frutería A Horta de Fina e Mar; Librería Sanfer; Cafetería La Vieja Escuela; Chuches Ale; e Lambetadas.

 

Artigos relacionados

Back to top button