CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Xa está á venda o CD coa BSO do filme de Ignacio Vilar, A Esmorga

Publicidade
A música do disco editado por Caldera Records é obra da compositora de orixe galega Zeltia Montes
Carauta e disco da BSO de A Esmorga.

O selo discográfico especializado en música de cine Caldera Records con sede en Alemaña, saca á venda o CD coa BSO da longametraxe dirixida polo valdeorrés Ignacio Vilar A Esmorga (2014, Vía Láctea Filmes) composta e interpretada ao piano por Zeltia Montes.

Con esta edición, o produtor Stephan Eicke ratifica a boa acollida que recibiu a banda sonora do filme, ofrecendo agora ao público internacional a posibilidade de desfrutar dela coma un produto independente.

A compositora Zeltia Montes, de orixe galega e graduada con Summa Cum Laude no Berklee College of Music (EE.UU.), recoñece que “a BSO de A Esmorga supuxo un auténtico desafío persoal e profesional”. Do mesmo xeito, “a confianza e colaboración brindadas polo director da fita, Ignacio Vilar, foron tamén fundamentais para chegar á alma dos personaxes e acadar que esas inconfundibles notas de piano desvelen as emocións máis inconfesables do Cibrán, o Bocas e o Milhomes e outorguen ao filme a atmosfera de tensión e profundidade que esixe a historia de Eduardo Blanco Amor”, aseguran dende Vía Láctea Filmes.

O CD inclúe os trece temas orixinais do filme, concibidos ao redor de tres temáticas principais: “Destino tráxico”, “O escuro obxecto do desexo” e “Amor imposíbel”. Tamén inclúe unha pista de audio con comentarios de Zeltia Montes e un libriño completo con textos (en inglés) e imaxes sobre o filme e a banda sonora. A distribución realizarase a nivel mundial e actualmente o disco xa está á venda en España (Rosebud Tienda de Cine), Francia, Alemaña e EE.UU.

Artigos relacionados

Back to top button