Curtocircuíto, Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, celebrará o seu 15º aniversario do 29 de setembro ao 7 de outubro proxectando máis dunha trintena de pezas que xirarán arredor do audiovisual galego. Será ademais unha edición que contará con presenza de creadores vencellados a Valdeorras.
É o caso do director Xacio Baño, presente nunha das novas seccións que se crean nesta edición do certame, non é competitiva e está dedicada a cineastas galegos cunha traxectoria de prestixio. Nela tamén se porá o foco en Jaione Camborda. “Son dous cineastas que nos últimos anos estrearon os seus filmes ou foron premiados en festivais como Locarno, Clermont-Ferrand, Filmadrid ou o Fidocs de Santiago de Chile. Na actualidade tanto Xacio -escollido pola revista Variety como un dos dez talentos emerxentes do cinema español- como Jaione -que conta tamén cunha importante traxectoria como guionista e directora de arte- se enfrontan á estrea das súas primeiras longametraxes, Trote e Arima”, aseguran dende a organización de Curtocircuíto.
Outra das novidades será a sección “Supernova”, que nace “para salvar a brecha existente entre os centros de formación e os circuítos profesionais, servindo de escaparate para os traballos de directores e directoras no comezo das súas carreiras”, destacan dende o festival. Doce pezas destas novas voces conforman o primeiro programa de “Supernova”, que vai do narrativo ao experimental e ten un marcado peso do cinema máis íntimo.
Nesta sección, o público terá así a oportunidade de descubrir o carácter e as inquedanzas desta parte dunha nova xeración de cineastas, conformada maioritariamente por directoras, entre as que figura a barquense Alicia Alonso coa súa obra “Tiempo”. Tamén poderán verse nesta selección a través “Sendeiro”, de Lucía Estévez; “Ser y tiempo”, de Daniel Arana; “Marxes”, de Sara Iglesias; “El cuadrado”, de Ángel Filgueira; “O ollo cobizoso”, de Lara e Noa Castro; ou as pezas “Resiliencia” e “16-11-2016/13-5-2017”, de Marta Valverde; “They Ponder” e “Confessions: Teaching Redemption”, de Ariadna Cordal; e “Fume e Lonxe”, de Alejandro Rodríguez.
A maiores, a sección Planeta GZ, de carácter competitivo, presenta dez filmes que se atopan entre o máis destacado da produción galega no último ano, e o carballiñés Alberte Pagán participará con “Uluru” na Sección Oficial Explora, na que Curtocircuíto dá cabida a obras que procuran novas caligrafías cinematográficas.
Curtocircuíto será organizado polo Concello de Santiago, co apoio da Deputación da Coruña e conta coa colaboración da AGADIC.