CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Xacio Baño, un dos titores do programa “Cinema en curso” posto en marcha polo Centro Galego de Artes da Imaxe

O proxecto pedagóxico coordinado polo CGAI implicou, durante o confinamento, a máis de 500 alumnos de 13 centros escolares, entre eles o IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras

O cineasta galego Xacio Baño, vinculado familiarmente a Valdeorras.

 

Un total de 532 estudantes e 48 docentes de 13 centros escolares galegos, entre eles o IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, participaron nas diferentes actividades de cinema e fotografía que o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) leva a cabo durante o confinamento. Imaxes gravadas desde as xanelas, retratos das persoas coas que se convive, captación de feixes de luz en distintos momentos do día ou secuencias de ceos e nubes son algunhas das actividades realizadas, que deron como resultado centos de planos asinados por alumnado comprendido entre 4º de Primaria e 1º de Bacharelato. As propostas forman parte do proxecto pedagóxico internacional Cinema en curso/Fotografía en curso, no que participan tamén neste momento Madrid, Cataluña, País Vasco e a cidade alemá de Brandemburgo.

Varios cineastas galegos, entre eles Xacio Baño (ligado familiarmente a Valdeorras) viñan traballando cos escolares desde o inicio do curso lectivo na produción de distintos filmes, a maioría relacionados coa etnografía ou a idiosincrasia dos municipios nos que se localizan os colexios e institutos. Cando se ordenou o peche dos centros, a actividade adaptouse á nova situación, de xeito que os rapaces seguiran aprendendo a mirar ao seu redor a través das cámaras e con propostas que se puideran desenvolver dentro das casas.

Así, a primeira das actividades titulouse Planos desde as xanelas, con fotografías e gravacións do exterior pero tomadas desde as fiestras dos fogares. Paisaxes rurais e urbanas, amenceres, rúas desertas, patios interiores, aves ou elementos da natureza foron algúns dos temas máis recorrentes. Outra das actividades consistiu en retratar os membros da familia cos que se convive, unha proposta na que os avós e as avoas foron os absolutos protagonistas das fotografías. Tamén se levaron a cabo os Diarios da luz, consistentes en filmar ou captar momentos de entradas de feixes de luz no interior das habitacións e nas mesmas localizacións exteriores en distintos momentos do día.

Máis tarde, coa relaxación das medidas de confinamento, propuxéronse outros exercicios e obradoiros, como a filmación de ceos e nubes ou a fotografía de árbores. Así mesmo, houbo oportunidade de propoñer experimentos como a creación dunha cámara escura. O arquivo e posta a disposición dos materiais conseguidos nos webs www.cinemaencurs.org e www.fotografiaencurs.org permitiu, ademais, establecer entre todos os participantes un diálogo en clave cinematográfica en pleno illamento e desde distintos territorios, sensibilidades e linguas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button