SanidadeÚltima hora

Xadrez para non esquecer e para lembrar o Alzhéimer, no Hospital de Ourense

O Servizo de Neuroloxía, AFAOR e Club LIceo conmemoran o Día Mundial do Alzheimer co xadrez como nexo de unión

 

Manter a mente activa é unha maneira de previr a aparición de Alzhéimer e tamén un recurso para retardar o deterioro cognitivo asociado á enfermidade. Por iso, para conmemorar o día mundial do Alzheimer o Servizo de Neuroloxía da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, AFAOR e o Club Liceo, coa colaboración do Grupo Academia Postal, queren visibilizar a enfermidade e as vantaxes do uso de xogos, como o xadrez, para loitar contra o envellecemento cerebral e o risco demencia, por medio do adestramento cognitivo.

Co xadrez como nexo de unión organizan conxuntamente a segunda edición do torneo solidario e a conferencia, o xoves día 21 ás 20.00 no Liceo, de Juan Antonio Montero sobre a aplicación “Gymchess: a importancia do xadrez no envellecemento activo”.

Presidente do Club Magic Estremadura e psicólogo especializado na aplicación social e terapéutica do xadrez, Montero é o creador do método ECAM de adestramento cognitivo a través do xadrez, que se aplica en programas de xadrez, para persoas maiores entre outros colectivos. A conferencia é de acceso libre

Torneo de xadrez no hospital

Ao día seguinte, o venres día 22, a cuberta saudable do Hospital Universitario de Ourense acollerá a segunda edición do campionato solidario de xadrez, que o pasado ano tivo unha alta participación, con máis dunha trintena de inscritos entre profesionais sanitarios, colaboradores e familiares de enfermos, o que fixo que se prolongase ata o sábado a final.

Ademais de dar visibilidade á enfermidade, o torneo ten o dobre fin de servir de foro de encontro e intercambio entre os pacientes, as súas familias e parte do persoal que os atende.

 

Artigos relacionados

Back to top button