Na mañá deste xoves 24 de outubro, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e do director da Axencia da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, inauguraba a XXV edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, que se celebrará en Expourense ata o día 27 de outubro co obxectivo de “promocionar os produtos agroalimentarios galegos de calidade a través de diferentes actividades, como degustacións, catas, conferencias ou showcookings.
O conselleiro de Emprego salientou o protagonismo de Xantar na promoción e recoñecemento internacional da cociña galega, poñendo en valor o fito do 25 aniversario deste evento, consolidado xa como un referente no turismo gastronómico internacional e que, ano a ano, demostra unha altísima capacidade para atraer participantes de toda España, Portugal e Iberoamérica.
Neste senso, José González sinalou que “Xantar é un magnífico escaparate dos mellores produtos galegos que impulsan a economía do rural, contribúen á creación de emprego e de riqueza e promoven un modelo de desenvolvemento no que a calidade e a sustentabilidade son inseparables”. Unha cadea de valor, destacou, da que “forman parte produtores locais, agricultores, gandeiros, traballadores do mar, comerciantes, praceiros, cooperativistas, cociñeiros, emprendedores ou mesmo artesáns, e que, entre todos, fan posible que a gastronomía galega sexa unha das nosas industriais máis punteiras e cunha enorme capacidade de establecer sinerxías con outros activos da Comunidade, como pode ser o turístico”. Así mesmo, o titular de Emprego tamén reafirmou o papel desta feira como “unha plataforma comercial moi eficaz para que as empresas galegas do sector gañen visibilidade e atopen novas oportunidades de negocio no transcurso destes días.
A Xunta de Galicia ratifica un ano máis o apoio por este salón gastronómico que, durante catro días, reúne no pavillón de Expourense o mellor dos produtos galegos e o máis recoñecido da súa cociña, tanto tradicional como de vangarda.
No marco desta colaboración institucional, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración participa cun stand propio no que se lle dará visibilidade a diferentes proxectos de economía social en Galicia. Concretamente, exporán os seus produtos seis empresas: Productores del Campo de Capela, Bodega Cooperativa Jesús Nazareno, Tres Fuciños, Barbudos, Condado Paradanta e Terras da Mariña, entre cuxos produtos se atopan carnes, queixos, requeixos, meles, licores e viños, que os asistentes poderán coñecer e degustar. Así mesmo, os visitantes tamén terán a oportunidade de solicitar información acerca do cooperativismo e destas fórmulas de negocio comprometidas socialmente.
Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural conta cun expositor de 147 metros cadrados de superficie e dúas salas de cata, que acolle a 10 empresas coexpositoras e unha vintena de actividades cos produtos agroalimentarios galegos con selo de calidade diferenciada como protagonistas. Alí, a parte das catas, obradoiros, degustacións e talleres; os viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia terán unha presencia destacada cun túnel propio, onde os asistentes poderán degustar aquelas bebidas premiadas nas Catas de Galicia 2024, así como outras propostas enolóxicas galegas.
Na inauguración, que pechaba o ourensán Sergio Pazos cun pregón en clave de humor, tamén interviña o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, quen recalcou que desde a institución provincial sempre se apostou decididamente por este evento, “pois durante 25 anos puxemos a disposición un dos seus buques insignia, o restaurante que xestionamos a través do Inorde”. E puxo en valor a versatilidade, o dinamismo e a iniciativa de Expourense “por poñer en valor moitas das potencialidades que temos nesta provincia”.
Ademais de explicar que este ano este restaurante redobra os seus esforzos, co apoio decidido aos hostaleiros de Ourense mediante un segundo establecemento, Menor lembrou tamén que os 25 anos de historia de Xantar coinciden cos 25 anos do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, “que ten sido o eixo vertebrador de todas esas políticas pensadas promocionar o noso territorio”.
Precisamente, neste aspecto argumentou Menor que se Ourense é berce de catro das cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia e é a provincia termal por excelencia, “tanta riqueza natural só podía ofrecer tesouros culinarios” como o Pan de Cea, os pementos de Arnoia e Oímbra, as patacas de Xinzo, o mel, o lacón, razas autóctonas como o cordeiro ou a carne de tenreira, ou os produtos con Indicación Xeográfica Protexida. “Manxares todos eles que maridan perfectamente con todo o que este territorio ofrece en forma de patrimonio, medio ambiente ou cultura”, concluiu, destacando que “Xantar é un instrumento absolutamente imprescindible para a posta en valor de todos os tesouros que temos na provincia” e dándolle tamén os parabéns a Expourense por estes 25 anos de éxitos culinarios.
Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, acompañado polo subdelegado do Goberno na provincia, Eladio Santos, louvou na apertura de Xantar 2024 o protagonismo de Ourense e de Galicia dentro do Plan Nacional de Turismo Gastronómico, que impulsa o Goberno de España no marco da política de mellora da competitividade turística do país.
Puxo en valor os proxectos que, dentro deste Plan Nacional, financia o Goberno na provincia de Ourense con 4 millóns de euros. En concreto, son os plans de sostibilidade turística que teñen como protagonistas os viñedos e a industria vinícola das comarcas de Valdeorras e do Ribeiro e o plan turístico ao redor da gastronomía do polbo no Carballiño, e “que xa están en marcha gracias ao apoio do Goberno de España”, engadiu.
O delegado quixo destacar que esta aposta do Goberno, que tomou forma tras a pandemia, está formada por un conxunto de accións transversais “que melloran non só os produtos turísticos, senón tamén as localidades de destino, a competencia laboral dos traballadores, e a modernización e dixitalización das empresas que provén estes servizos”. Un feito que é particularmente importante no turismo gastronómico e enolóxico pois, como apunta o propio sector e recordou o delegado, “as persoas que optan por este turismo demandan, cada vez máis, unha experiencia completa, de calidade, que, á vez, sexa ambientalmente sostible e que contribúa ao crecemento económico e demográfico dos pobos onde se asenta”. Blanco rematou a súa intervención felicitando ás persoas” que integran a organización de Xantar polos 25 anos de éxitos deste salón”, e por convertelo en “referente a nivel nacional”.
Esta 25 edición de Xantar conta coa participación das catro deputacións provinciais de Galicia, de varios xeodestinos e GDR (Ribeiro-Carballiño, Trevinca-Valdeorras, Terra de Celanova-Serra do Xurés) e de numerosos concellos galegos das 4 provincias entre eles O Barco, Trives, A Veiga ou Manzaneda, con representantes de varios deles na inaguración.
Tralas intervencións, as autoridades facían o tradicional percorrido polos diferentes stands presentes, degustando entre outros pratos, paella e tortilla de patacas.
Fotos e vídeos: O SIL.
Máis información e fotos:
Valdeorras e as Terras de Trives, presentes no 25º aniversario de Xantar