ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A xeoloxía, paleontoloxía e minería do Courel, a estudo en Ribas de Sil

Medio cento de persoas asisten a unhas xornadas técnicas con ponencias e saídas de campo que se prologarán ata o 24 de setembro

As III Xornadas de Xeoloxía Montañas do Courel son un guiño ao proxecto de candidatura a Xeoparque que se está promovendo dende Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel e así se destacaba na tarde do 22 de setembro na apertura deste foro, que se prolongará ata o 24 de setembro en Ribas de Sil coa asistencia de medio cento de persoas. Neste acto inaugural tomaba a palabra o tenente de alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro, quen amosaba a ilusión coa que se está traballando na preparación desta candidatura. “Facémolo conxuntamente os tres concellos como se fosemos un, non hai cores, nin siglas, nin ideoloxías, o noso obxectivo é lograr esa denominación da Unesco no 2019 e xa estamos traballando como se fosemos un xeoparque”, aseguraba Castro, que é asemade presidente da Asociación Montañas do Courel.

Tras a súa intervención iniciábase o programa coa ponencia “Recensión xeolóxica da candidatura a xeoparque mundial da Unesco Montañas do Courel”, a cargo do xeólogo Xosé Carlos Barros, quen explicaba a problemática e singularidades do territorio deste futuro xeoparque, enumerando as diferentes formacións xeolóxicas, así como os seus minerais e rochas máis significativos.

A continuación, Manuel García Ávila, presidente da Asociación Paleontolóxica Galega, daba a coñecer os resultados dun estudo paleontolóxico recente na zona suroriental da provincia de Lugo no que se atoparon diversos fósiles que xa lle foron entregados ao Museo Xeolóxico de Quiroga. O obxectivo desta intervención era ver o estado de coñecemento do rexistro paleolontóxico paleozoico desta zona. O traballo revelou a riqueza de fósiles en diversos xacementos e o interese para continuar investigando.

A xornada do venres 22 de setembro completábase con outras dúas conferencias: unha sobre os procesos glaciares e periglaciais da Serra do Courel co catedrático de Xeografía Física, Augusto Pérez Alberti, e outra sobre o Xeoparque Las Loras. O sábado continuarán as sesións durante a mañá e pola tarde están previstas visitas a diversas zonas do Courel. O domingo haberá ademais unha ruta xeolóxica pola Devesa do Cervo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button