“Que é un intelectual?” A partir desta pregunta desenvolvía Xesús Alonso Montero o conxunto da súa argumentación na conferencia “A importancia do papel da intelectualidade na construción dunha sociedade libre” na tarde do 2 de novembro no Auditorio Julio Vázquez de Trives. Un título (ao que lle engadía a palabra “xusta”) e un tema que lle foron propostos dende a organización do acto e que tocaba por primeira vez nunha ponencia, tal e como confesaba este académico da Real Academia Galega.
O acto abríao a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, que presentaba ao ponente como un “erudito” e destaca a o seu talante espléndido. Tamén comentaba que nesta visita Alonso Montero agasallaba a Trives cun libro da súa autoría sobre Alfredo de la Iglesia, cunha dedicatoria para a Biblioteca municipal. Despois, o escritor e profesor Xoán Carlos Domínguez Alberte falaba brevemente da traxectoria do conferenciante (de quen foi ademais alumno), ao que presentaba como “un mestre da República”, lembrando o seu paso por Trives en varias edicións dos congresos adicados ao poeta Manuel Luis Acuña.
Alonso Montero, natural de Ventosela (Ribadavia), comezaba explicando que o termo intelectual refírese a “todo ser humano, xa que polo mero feito de selo é intelectual, pero do intelectual que ten unha intelixencia poderosa, unha cultura ampla e unha certa valentía é do que eu quero falar, daquel que é como un facho, que ilumina”. E, concretaba moito máis o obxecto da súa disertación, “vou falar do intelectual da época dos libros e dos periódicos”.
E, nesa liña, aseguraba que “o primeiro gran intelectual da historia da humanidade non é Aristósteles, nin Platón, nin os presocráticos, nin os pensadores romanos… É un home que en 1898 escribiu un artigo de dous ou tres folios no xornal francés L’Aurore, titulado “J’accuse…!”. Falo de Émile Zola”. Un texto, explicaba de seguido, que é un alegato público en defensa do capitán xudeu Alfred Dreyfus, acusado de traizón.
“Zola é o primeiro gran intelectual porque, ademais dunha persoa intelixente, máis ou menos luminosa e cunha gran cultura; foi capaz de formular os seus argumentos de defensa con eficacia e era unha persoa de prestixio, un gran novelista europeo, que fai isto por un sentido cívico xa que non o une ningún lazo con Dreyfus. O intelectural é tamén aquel que ama a verdade”, indicaba Alonso Montero.
A partir de aí, o conferenciante ía intercalando na súa intervención as figuras de intelectuais de diferentes épocas como é o caso no século XVIII do Padre Sarmiento, “nado en Vilafranca do Bierzo pero cuxos pais eran de Pontevedra, que era un sabio verdadeiramente galeguista”; a de Manuel José Quintana no século XIX, así como a do catedrático da Universidade de Santiago Laureano Calderón (Farmacia), quen en 1875 lle escribía unha carta ao ministro de Fomento expoñeno nela que non se fixo catedrático para “formar catecúmenos, senón que opositei para ensinar ciencia”.
Despois Calderón, “foi destituído, pero iso amosa que o intelectual debe ter a valentía de loitar contra o poder e contra a clase social que está co poder, loitar en campo alleo. Se non houbera na historia do mundo xestos como éste, hoxe ningún de vostedes comería quente”, sinalaba Alonso Montero.
Tamén mencionaba ao ourensán Curros Enríquez de Celanova, que “foi capaz de publicar un manifesto en Aires da miña terra“; ou xa no século XX: Sartre e Camus, “dous grandes intelectuais universais franceses”.
Fotos: Carlos G. Hervella.