OurenseÚltima hora

Xinzo chega a un acordo con 40 propietarios para transformar tres pistas nunha circunvalación

As cesións de terreo permiten dotar de saneamento, abastecemento, alumeado e beirarrúas á vía

O Concello de Xinzo transformará tres pistas (Cepetal, Sitibal e Travesía do Bouzo), cun ancho de 6 metros, nunha circunvalación cun ancho total de 16 metros, con beirarrúa e aparcamento.

A estrada reformada terá unha lonxitude de case 2 quilómetros e unirá a N-525, e polo tanto a autovía A-52, coa OU-301 (estrada de Lamas). Actualmente, este itinerario é moi utilizado para evitar o centro da vila por parte dos vehículos, tanto lixeiros como pesados, que se desprazan ou proceden dos concellos da marxe esquerda do río Limia, como Baltar, Blancos ou Porqueira, entre outros da zona.

 

 

Pero ademais, esta actuación inclúe a dotación de servizos básicos de saneamento, abastecemento, alumeado e beirarrúas no tramo das pistas Cepetal e Sitibal, froito dunha intensa negociación do actual goberno con cada un dos máis de 40 titulares afectados, que accederon á cesión dos metros de fachada que lle corresponden a cada un para dotar ao viario destes servizos, o que tamén revaloriza as súas propiedades.

O proxecto foi adxudicado á empresa ASFAVAL Técnicas Viarias S.L. por un importe de 646.863 euros, sobre unha base de licitación de 912.000 euros e cun prazo de execución de 8 meses. O Estado de Alarma provocou un atraso na adxudicación, o que engadiu un novo inconvinte a un proxecto xa de por si complicado.

 

 

Esta obra forma parte do paquete de actuacións para mellorar a mobilidade en Xinzo e que incluía actuacións na Avenida de Madrid, na Avenida de Celanova e nas pistas de conexión da N-525 coa OU-531. Todas estas están pendentes de ser entregadas e recibidas polo Concello de Xinzo, que é o promotor das obras, en base a un orzamento total de 2,1 millóns de euros.

Artigos relacionados

Back to top button