ConcellosÚltima hora

A XIX Feira do Pemento de Oímbra celebrarase o 7 de agosto

Esta celebración gastronómica está declarada Festa de Interese Turístico Galega
O presidente da Deputación e a alcaldesa de Oímbra, na presentación da Feira do Pemento.
O presidente da Deputación e a alcaldesa de Oímbra, na presentación da Feira do Pemento.

A piques de chegar ao vinte aniversario, a Feira do Pemento de Oímbra será de novo o escaparate do produto estrela do municipio, así como doutros alimentos típicos da gastronomía galega e da artesanía popular, na celebración do vindeiro domingo, 7 de agosto.

A presentación da feira, declarada Festa de Interese Turístico Galega, tivo lugar esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a alcaldesa do Concello de Oímbra, Ana Villarino, quen explicou que “tratamos de poñer a nosa horta, e particularmente o pemento, como un eixo vertebrador da economía do noso concello eminentemente rural, onde temos numerosos agricultores que viven da agricultura, do pemento e do viño, de xeito prioritario ou como complemento de rendas de outro tipo de actividades”.

A festa comezará ás 11horas co pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas de Oímbra, e ás 12 horas celebrarse o concurso de pratos de cociña, onde o ingrediente principal será o pemento. Asemade “desde o ano 2009, publicamos o recetario das recetas participantes no ano anterior. Todos os anos andan preto de 30 recetas e non se repiten”, dixo Ana Villarino.

Para asistir ao xantar popular que se celebrará ás 14 horas no pavillón municipal, hai que retirar con anterioridade unha entrada na Casa do Concello ou nos bares da localidade. Durante toda a tarde haberá animación musical a cargo dos Gaiteiros de Oímbra, dunha discomóbil e da charanga Támega. Ademais de música, ao longo de todo o día haberá stands nos que se expoñerán pementos, maquinaria agrícola, artesanía, entre outros produtos. E, para os máis cativos, haberá inchables e xogos tradicionais.

Artigos relacionados

Back to top button