En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Xogando a recoñecer aromas e sabores no XI Mercaberto do Barco

Entre as actividades desta mostra de oportunidades figuran un obradoiro infantil e unha cata de viños

“Sabedes como se elabora o viño?”. Con esa pregunta iniciaba a sumiller Mercedes González o obradoiro infantil “Aromas de Valdeorras. Espíritos con vida propia” pasadas as once e media da mañá deste sábado 24 de agosto. Unha trintena de rapaces de diferentes idades (entre 5 e 14 anos) participaban nesta actividade lúdica e formativa que promove a Ruta do Viño de Valdeorras dentro dos actos do XI Mercaberto do Barco, organizado polo Barco Centro Comercial Aberto.

Con este tipo de propostas preténdese achegar a cultura do viño á sociedade. “Aínda que vos non podedes probar o viño, si podedes aprender a recoñecer e diferenciar os seus aromas e algunhas das súas características”, comentaba na apertura do obradoiro o presidente da Ruta de Valdeorras, Joaquín Sánchez, dirixíndose aos cativos.

Tras unha pequena introdución, na que Mercedes González explicaba brevemente como se elabora o viño a partir de diferentes variedades de uva (entre elas a mencía e a godello) e como diversos microorganismos lle confiren singularidades; os nenos e nenas realizaban xogos con aromas e tamén con sabores, intentando descubrir a que correspondían, e logo comprobando qué tipo de refrescos, froitas ou outro tipo de produtos alimenticios (como o mel) eran.

Entre tanto, numerosas persoas percorrían os expositores do Mercaberto, que abría as súas portas ás 11h. e que funcionará de forma continua ata as 23h. desta noite. Pola tarde están previstas novas actividades, entre elas unha cata e un concerto do grupo valdeorrés Os Broders.

Fotos: A.R.

Máis información e fotos:
https://osil.info/o-comercio-local-toma-o-malecon-do-barco-no-xi-mercaberto/

Artigos relacionados

Back to top button