ColaboraciónsDeportesOpiniónÚltima hora

Xogo de bolos de Parada de Sil: “Un conto de mestres”

Difusión da recolleita de xogo tradicional de Parada de Sil, por Juanjo Rodicio

 

O CONTO DO XOGO E OS MESTRES EN PARADA DE SIL

– Conta Jose Luis, mestre, hoxe xa en Cantabria xubilado, que se deixou de xogar á Renca (ou Reca) (chamada tamén Porca1 no País) o mesmo día que el tendo 12 anos recibiu un golpe na cara co pau cando un brutolas lle tentaba meter a porca defendendo o seu guá. O mestre prohibiuno solemnemente. O mestre era tamén o alcalde. Eran xogos de nenos, no patio da escola.

José Luis de pequeno escoitaba o balbordo dos maiores xogando aos bolos en Fondodevila:
— Cuchou, cuchou, cuchou!
Berraban con mofa e befa os asistentes, porque a bola non chegara á liña do Belbas. Jose Luis é de Parada, cabeceira de Parada do Sil. O xogo de bolos podémoslle chamar agora de Parada de Sil, porque é o termo municipal no que se segue a xogar, segundo sabemos.

Polos anos 90s, Jose Luis, Pepe dos Taborelas, Senén o da taberna, Chano, Celso e outros reuniron aos vellos2 que sabían xogar aos bolos e propuxeron unhas regras antes de que se esqueceran, e esto foi asumido polo pobo e se publicaron na web da Asociacion Ouro do Sil3 –o vello teleclube creado polo cura Xose Manuel Novoa e unha mestra catalana xubilada, Rosa Pons4–.

 

 

O xogo nos 90s seguía xogándose nunha das prazas do pobo chamada O curtiñeiro, arranxada con cantería, o que achicou o terreo de xogo. Viñase xogando sempre na fin de semana da festa de San Ramón e previos, a fins de agosto.
O curioso é que a xente de Parada, os vellos, Juanito e seu irmán David, Amadeo, Tin de Fondodevila… non lembran se se xogaba noutros pobos, apenas a 2 ou 3 kilómetros, ou só notician que se xogou nas festas deses pobos, pero só últimamente.
Eu, fillo dunha mestra moza de Caxide, a 2 kilómetros da cabeceira do concello, teño unha historia que contar.
Sendo eu mociño, nos principios dos 80s cando ía a axudar a recoller a herba seca nos veráns acudía despois da faena á xogata dos bolos na Carreiriña. A ver xogar, pois os bolos non eran cousa de cativos, será porque a bola pesa bastante para levala dunha pasada máis alá do Belbas, será “por se lle facemos dano a alguén”. Porque logo de volta ainda se trae, pero de ida se a bola tropeza nos bolos e non chegas ao Belbas, recibes a sonora abourada “cuchou, cuchou, cuchou!”, e demostras non ter brazo. Os rapaciños só podiamos colocar os bolos no sitio, como se fixo dende que se xoga. Os bolos son xogo de xente maior. E maior, a ver quen lle di que non é maior a un de 15… Un día do comezo do verán de 1975, o señor Fabriciano, o señor Paco, o Manolo de Alende, Pepe, sentados no pau que fai de banco onde a fonte e pilón de lavar de Caxide lembraron como se xogaba aos bolos e o ben que se pasaba, na Carreiriña. Manolo, como era de Parada, e familia de campeóns, seguiullo inculcando aos seus fillos, que seguen a ser a familia dos campeóns na comarca.
Ese grupete de mozos de 14 a 18, sobriños e fillos destes señores (Jose Carlos, aquilino, Jose Angel…) axudaron a rozar a Carreiriña, pasáronlle un pisón de bidón, foron por sábrego á canteira, e cun tractor Pascuali do señor José dos primeiros do pobo baixaron a arranxar o campo, nun camiño que ainda hoxe está marcado no SIXPAC. Ao principio só xogaban os maiores, señores de 50-60 anos, e logo de seguido empezaron os seus pequenos. Que son os que eu vin xogar. Non se xogara dende había 20 anos (parece acordado que coas primeiras emigracións dos 50s, 60s a xente non estaba xa para xogar) e esta xeración de mozos puxéronse a xogar ao xogo con total entrega, ao mesmo tempo que facían carrilanas na estrada que remata no fondo do pobo nunha curvaza ennriba da ponte, ou xogaban ao sempiterno fútbol, do que Caxide tiña os mellores xogadores da comarca (esto pode ser partidismo, e perdonen), ou facían muiños de auga con paus cando ían tornar a auga.

 

Esta fase de recuperación do xogo é espontánea, sen reflexión nin didáctica. Uns mozos, que sabían segar a herba, empuñar un machado ou tanguer vacas, ao mesmo tempo que empezaban a estudar Metal ou Enxeñería ou Dereito, xogaban como viron xogar ao señor Fabriciano, ao que agardaban vir de xogar a partida de Parada, para botarlle un pé. Pasou de pais a fillos, simple e directamente, coma durante centos de miles de anos se pasa a cultura e o patrimonio.
Desátase daquela nos primeiros 80s unha furia de torneos de bolos no termo municipal de Parada, e vaise xogar aquí e alá (Valdemiotos, Teimende, A Miranda…). Din os maiordomos das festas que “era para recaudar, a xente xa xogaba”.
A festa de Caxide recupérase en 1986, e o sábado xógase aos bolos. E dende aquela, tódolos sábados do 1o domingo de agosto celébrase o Santo Domingo xogando aos bolos. Pero non se xoga máis ca nesa data, ou esporádicamente. Só en Parada e Caxide se xoga xa nos finais dos 80s e 90s.Tamén na Miranda (pola virxe de Trigoás, o máis amplo e vizoso dos miradores da Ribeira Sacra) e Teimende. Incluso practicaban unha semana antes, porque eran vacacións, e xa non estaba o tino tan atinado. Todos os pobos están a 2-3 kilómetros uns dos outros, nun dos concellos máis pequenos do País Galego. Pero apenas sabían se se xogaba nun sitio ou noutro.

Un mestre arredor do ano 1955 prohibe un xogo que se xoga en todo o noroeste peninsular –a porca–, e queda vivo, a ratos coma a nacencia dun río, durante 40 anos, un xogo único na súa sinxeleza como é o xogo de bolos de Parada do Sil.

O texto íntegro pode lerse aquí: XOGO DE BOLOS DE PARADA DO SIL POR JUANJO RODICIO

Texto: Juanjo Rodicio.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button