CulturaCulturaÚltima hora

Xornada “A Raia Seca Solidaria”, con homenaxe ao guerrilleiro Alfredo Yáñez, na Gudiña e Sernande (Vinhais)

O seu programa desenvolverase ao longo do 25 de maio, comezando en Sernande coa lembranza a "O Aguirre" e continuando na Gudiña con proxeccións e relatorios

 

Na Gudiña e en Sernande (Vinhais, Portugal) celebrarase o vindeiro 25 de maio a xornada “A Raia Seca Solidaria”, un evento de “Memoria e de lembranza agradecida pola solidariedade que atoparon as persoas, galegas ou doutras zonas de España, que fuxiran da ditadura franquista entre 1936 e 1947 e se refuxiaron na Raia Seca entre A Gudiña, A Mezquita e a Portugal, na zona da actual União de Freguesias de Quirás e Pinheiro Novo (Vinhais), especialmente na aldeia ou pobo de Sernande”, explican dende a organización.

A iniciativa está sustentada pola Asociación Amigos da República de Ourense, e conta co apoio e impulso de investigadores/historiadores/profesores coñecidos en Galicia como Dionísio Pereira e Lola Varela. Colaboran na mesma a Asociación Cultural Os Torgueiros- A Gudiña, a União de Freguesias de Quirás e Pinheiro Novo (Vinhais- Portugal) e o Concello de A Gudiña-Ourense. Noutras zonas da raia seca compartida cos territorios portugueses de Castro Laboreiro, O Barroso e Trás-Os-Montes, xa se teñen feito actos semellantes ao que vaise facer en Sernande.

“En Sernande, descansa sen identificación algunha no adro da ermida de Santo António o guerrilleiro galego de Corzos-A Veiga-Ourense Alfredo Yáñez “O Aguirre”, morto na contorna da aldea no ano 1947. Alí, nesta pequena localidade trasmontana, moitos dos seus veciños foron presos por axudar a fuxidos e combatentes antifascistas. Daquela, en Sernande temos o imperativo ético de completar máis cedo que tarde esta xusticeira cartografía da solidariedade arraiana, para que “nâo se apague a memória”. Celebraremos un sinxelo acto en Sernande na lembranza do guerrilleiro de Xares-A Veiga Alfredo Yáñez “O Aguirre”, alí soterrado sen lápida, e que dense o sábado terá unha placa de recordo no adro da ermida de Sernande. Mais tamén queremos render con este acto unha homenaxe daquela veciñanza portuguesa que tanto padeceu por axudar aos nosos perseguidos e perseguidas”, din dende a organización.

Completarase a xornada xa pola tarde e no lado galego da Raia, na Casa da Viúva na Gudiña coa proxección do documental “A Menina que vía homes encadeados” (2022, 11 minutos) de Alicia López Méndez e Javier López Rodríguez, a partires das 17:30 horas. Nese documental recóllese a memoria dos case 300 presos políticos que na posguerra fixeron traballos forzados nas obras de construcción do ferrocarril Ourense-Zamora, especialmente na zona de Lubián e Padornelo. Contarase coa presenza de Javier López Rodríguez e de Felipe Lubián Lubián comentando o documental. Dos barracóns deses presos aínda quedan restos visibles ao carón mesmo da vía do AVE ao seu paso polo Concello de Lubián.

E xa como broche da xornada está prevista a conferencia do doutor en Historia Contemporánea pola USC Alejandro Rodríguez Gutiérrez, que abordará as vicisitudes da primixenia insurxencia que contribuíron a forxar a singular Federación de Guerrillas de León-Galicia, e que tivo continuas conexións entre o territorio de Valdeorras, Bierzo, A Veiga, macizo de Pena Trevinca, Porto, Pías, As Portelas…. coa zona da raia seca de Vinhais/ A Gudiña/ A Mezquita.

PROGRAMA

11:00 (Portugal)/12:00 (España).
En SERNANDE -VINHAIS (Portugal). No adro da ermida de Santo Antònio de Sernande.
Acto Homenaxe ao guerrilleiro antifascista Alfredo Yáñez “O Aguirre” e á comunidade de Sernande (Vinhais). Interveñen: David Simón (Amigos da República -Ourense),
Zélia de Fátima Libório Pires Diegues (Presidente União de Freguesias de Quirás e Pinheiro Novo (Vinhais) e Dionísio Pereira (historiador).

17:30-20:30.
Na Gudiña (Ourense)
No Albergue de Peregrinos- Casa da Viuva. Salón actos (zona entrada pola parte posterior do edificio, na zona da piscina municipal).

Presentación da xornada na Gudiña , pola Asociación Os Torgueiros.
17:30-Proxección do documental “A Menina que vía homes encadeados” (2022), de Alicia López Méndez e Javier López Rodríguez. Participan: Javier López Rodríguez e Felipe Lubián Lubián.
Presenta/Modera: David Simón (Amigos da República)

18:30-Conferencia: “A Resistencia antifranquista dende Portugal. As orixes da Federación de Guerrillas e o exilio fracasado”. Ponente: Alejandro Rodríguez Gutiérrez (Grupo Sputnik Labrego. Historiador)
Presenta/Modera: Dionísio Pereira (Historiador)

Back to top button