Os 1.215 afiliados ourensáns que se inscribiron para participar no proceso electoral do PP están chamados ás urnas neste 21 de marzo, para a elección do candidato á presidencia nacional do partido, para a que só se formalizou unha alternativa que encabeza o presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo.
Os inscritos poderán depositar o seu voto entre as 09.00 e as 20.00 horas nos dez colexios electorais habilitados noutros tantos puntos da provincia: as sedes do partido en Allariz, A Bola, O Barco, O Carballiño, Castro Caldelas, Celanova, Ribadavia, Verín, Xinzo de Limia e a sede provincial situada en Ourense. A este último punto deberán acudir os afiliados das oito xuntas locais correspondentes aos municipios da contorna da cidade, onde ademais se instalarán outras nove urnas, é dicir, tantas como o número de distritos nos que se divide o concello da capital.
No caso dos compromisarios, finalmente non será necesaria a elección, pois logo de que o pasado mércores rematase o prazo de presentación de candidaturas, o número de representantes asignados ao PP ourensán polo Comité Organizador do Congreso, 69, correspóndese coa distribución establecida polo partido nas xuntas locais da provincia.
A comarca de Ourense terá a maior representación con 17 compromisarios (dez deles na capital), seguida das comarcas da Limia e Verín con 10; Terras de Celanova con 7; O Carballiño, 6; O Ribeiro, 5; e Allariz-Maceda, Baixa Limia, Terras de Castro Caldelas e Trives con 3 cada unha delas.