Cunha charla sobre “Cogomelos de Valdeorras na cociña” o micólogo Cristóbal Ruiz Leivas abrirá as Xornadas Micolóxicas Outono 2014 que organizan os establecementos barquenses de hostalaría Galileo e La Maltería. Esta conferencia está prevista para o día 18 de outubro ás oito da tarde no Galileo e, tras ela, poderá desfrutarse dunha degustación de cogomelos (o prezo da degustación completa será de 8,5 euros, mentres que o custe por pincho será de 0,60 euros), segundo se informa dende este local.
Ademais durante a semana do 20 ao 26 de outubro as persoas que se acheguen a La Maltería descubrirán que nos pinchos que diariamente se serven neste céntrico local terán un protagonismo especial os cogomelos.
Estas xornadas micolóxicas continuarán o xoves 30 de outubro no Galileo ás oito e media da tarde coa presentación do libro “En el país de las setas”, de Alejandro R. Mínguez, experto en micoloxía e responsable da Sala Micolóxica-Tapería Plan C de Celanova. Tras o acto haberá unha degustación de cogomelos.