OurenseÚltima hora

Xornadas sobre os morcegos e o bosque de ribeira, os días 5 e 11 de agosto en Allariz e Monforte

Medindo as ás dun morcego.

 

Os morcegos achegan grandes beneficios aos seres humanos como son a regulación da poboación de insectos (entre eles moitas especies praga) e son excelentes bioindicadores de diferentes tipos de ecosistemas, como no caso dos bosques de ribeira. “Estudando as súas poboacións podemos detectar cambios na calidade ecolóxica da auga e tamén dos bosques de ribeira”, explican dende o Proxecto Ríos, o programa de voluntariado ambiental en ríos coordinado pola asociación ecoloxista ADEGA, que vai realizar neste mes de agosto dous cursos de formación sobre quirópteros e o bosque de ribeira, que se impartirán en dúas “Noites de morcegos”.

A primeira das sesións terá lugar maña 5 de agosto en Allariz, e a segunda desenvolverase o 11 de agosto en Monforte de Lemos, en horario de tarde-noite. En ambas as dúas xornadas realizarase unha formación teórico-práctica sobre o programa de ciencia cidadá “Quiroríos”, un protocolo para o seguimento dos morcegos nos cursos fluviais como indicadores da calidade da auga e dos bosques de ribeira, aberto a calquera persoa que queira participar, pois non hai que ser experto/a para facelo. No desenvolvemento das dúas noites de morcegos, contaremos coa colaboración de Xosé Pardavila de Sorex, especialista na xestión de fauna salvaxe. A actividade conta co financiamento da Confederación Hidrográfica do Miño Sil.

 

Artigos relacionados

Back to top button