Fuxindo das aglomeracións de grandes festivais, nacía en 2015 o SilFest Valdeorras “un festival pequeno, de cercanía, feito con mimo, sen aglomeracións e sen colas onde desfrutar de músicos de primeira liña, catas de viño, showcookings e un festival paralelo como Mini SilFest, nun ambiente incomparable e un espazo único”.
Con estas palabras comezaba Jorge Álvarez (un dos directores do festival) a presentación da 8ª edición que se celebrará do 18 ao 20 de xullo, coma sempre na praia fluvial do Malecón, no Barco, “instaurado como punto clave da axenda estival de Valdeorras, no Barco e xa de Galicia no marco dese turismo fesfivaleiro que está tan en auxe agora mesmo”.
Acompañando a Jorge no mesmo espazo no que se celebrará o evento, estaba na tarde deste luns 5 de xullo o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, quen lembrou algunha das vivencias que como valdeorrés vivíu á bera do Sil. “Nesta praia fluvial bañeime de pequeno e desfrutei dos acontecementos máis importantes de Valdeorras como é agora mesmo o SilFest”, dixo, destacando que para Turismo de Galicia “é unha satisfacción volver apoiar este festival que xa forma parte das actividades do verán valdeorrés”.

Merelles adiantou que este ano haberá máis acontecementos na comarca patrocinados por Turismo de Galicia “de xeito que Valdeorras poida ser tamén un destino interior senlleiro nese turismo de festivais no que Galicia agora mesmo se está especializando”, con exemplos como o GozoFest no Monte do Gozo ou PortAmérica “nos que Turismo de Galicia está pero tamén quere estar noutros lugares para que os beneficios deses festivais cheguen a todas partes”.
Merelles desexou que este ano o SilFest volva ter o éxito das anteriores edicións, asegurando que “pola nosa parte sempre apoiaremos este tipo de iniciativas que veñen a conformar a oferta de verán nunha comarca como Valdeorras que precisa ter acontecementos para cada vez atraer máis visitantes”. Neste sentido, o director da Axencia de Turismo de Galicia adiantou que en breve asinarán coa Deputación de Ourense e o Inorde “de cara a potenciar a oferta turística de Valdeorras, ademais de ter en marcha o Plan de Sostibilidade Turística con 1,5 millóns de euros que tamén vai favorecer o desenvolvemento turístico da comarca. Iniciativas como estas e o SilFest axudarán a que Valdeorras se sitúe como un referente do turismo de interior na provincia e Galicia”, concluía.

Na presentación do 8º SilFest Valdeorras tamén estaban Alfredo García, alcalde do Barco, que destacou o labor da organización do festival que o que pretende é, “sobre todo, dar a coñecer Valdeorras”; de Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura; Alba Rodríguez, concelleira de Turismo; Dosinda Arias do grupo popular do Concello; Patricia de Andrés, secretaria do Consello Regulador da D.O. Valdeorras (un dos principais patrocinadores); e José Carlos Vilor, codirector do SilFest Valdeorras.
A nivel programación destacan os dous cabezas de cartel, Sôber e La Habitación Roja “con públicos moi diferenciados pero moi solventes no que a directo se refire”, di Jorge, explicando que seguen tirando moito de grupos emerxentes que “polo historial que temos e a experiencia, van despegar (Shinova, Varry Brava, La La Love You, Fillas de Casandra,…)”.
A maiores, este ano terán cinco catas de viño e un showcooking patrocinado por Mahou con Martín Fernández do Restaurante Bagoa de Ourense o sábado ao mediodía en aberto, unha das novidades deste ano. “Temos que cobrar entrada porque senón sería inviable pero si queremos dar a posibilidade a xente de vivir a experiencia este ano con algunha actividade gratuíta polo que faremos a xornada do sábado aberta ata as seis da tarde”.
Coma sempre o Mini SilFest é un piar fundamental. “Traballamos moito a programación para os pequenos con cine, obradoiros infantís, kaiaks para navegar polo río e rutas polo backstage que repetimos e aumentamos aforo en cada edición porque é moi bonito ver o que hai detrás do festival, moita xente e moito traballo”. Como dato curioso Jorge destacou que este “é o ano que máis xente de fóra temos para traballar, unha vintena, xente que adica o verán a ir de festivais, traballando e ao tempo desfrutando deles”, dixo, concluíndo que en total contan con máis de 50 persoas.

A programación completa e venda de entradas en SilFest Valdeorras.
Fotos e vídeos: O SIL.