Vén de constituírse o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Galicia (COETTGA), tendo a José Manuel Martínez Pérez como decano. Trátase da oitava demarcación que o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións (COITT) ten en España.
A xunta directiva deste novo colexio está formada por un equipo cuxo principal obxectivo é “dar valor á profesión á que representamos e fomentar lazos entre profesionais de diferentes rexións que permitan crear sinerxías. Unha nova xunta que ten o compromiso de dar visibilidade, proxección e de potenciar o talento das enxeñeiras e enxeñeiros de Galicia, así como fomentar a diversificación de proxectos”, tal e como adianta. Comeza así, din, unha nova etapa en Galicia na que se fomentará “a diversificación de proxectos de blockchain, 5G, Big Data, ciberseguridade, turismo dixital Iot, Drones, Smartcities, entre outros”.
A xunta directiva de AGGET está formada, ademais de polo decano xa citado, por David Saavedra López (vicedecano), Patricia Agrelo Rivas (secretaria), José Carlos Rodríguez Varela (tesoureiro), Diego Pérez Codeiro (vogal), Sergio Eiriz Rey (vogal), Roberto Oliveira Castro (vogal) e por Xóse Miguel Pérez Blecua (alcalde de San Xoán de Río), que é tamén vogal.
O acto de constitución desta demarcación galega, celebrado en Santiago, contaba co respaldo e apoio de numerosos compañeiros e representantes doutras demarcacións do colexio como as de Canarias ou Castela A Mancha. Durante as diversas intervencións facíase fincapé na capacitación dos enxeñeiros técnicos de telecomunicacións, así como no importante papel que éstes cumpren na sociedade.