ConcellosSoberÚltima hora

Xoves voluntarios colaboran en tarefas de preservación ambiental da contorna da Ribeira Sacra

Ademais destas intervencións medioambientais, teñen a oportunidade de visitar os miradoiros do Canón do Sil e coñecer como funciona un obradoiro de olería situado na parroquia de Gundivós, no concello de Sober

 

Un grupo de mozos voluntarios están a realizar durante a fin de semana tarefas de recollida de lixo e limpeza na contorna da Ribeira Sacra—Canóns do Sil. Esta actividade é unha máis do proxecto europeo Life Evergreen with Volunteer (Lewo), que se desenvolve ao abeiro do programa LIFE 2016 da Comisión Europea.

Ata alí tamén se desprazaban a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada do alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, o sábado 19 de setembro. Cristina Pichel destacou a importancia deste tipo de programas para implicar á xente nova na conservación e posta en valor de espazos naturais de Galicia de gran valor medioambiental, como é o caso da Ribeira Sacra. En concreto, os voluntarios que forman parte desta acción encargáronse o sábado de limpar e acondicionar a ruta dos Muíños de Xábrega, que discorre pola comarca da Terra de Lemos. Mañá retomarán a actividade coa limpeza de sendeiros nos viñedos da Ribeira Sacra.

Ademais destas intervencións medioambientais, estes xoves teñen a oportunidade de visitar os miradoiros do Canón do Sil e coñecer como funciona un obradoiro de olería situado na parroquia de Gundivós, no concello de Sober.

 

 

Esta actividade, ao igual que os campos de voluntariado, está adaptada ás medidas de prevención e seguridade ante o Covid-19. Entre outras medidas, realizáronse grupos reducidos dun máximo de 12 mozas e mozos máis monitores para poder garantir a distancia de seguridade.

Nesta nova quenda do proxecto Lewo, que comezou o pasado mes de agosto e se prolongará ata novembro, programáronse actuacións de voluntariado ambiental no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas; nos Parques Naturais da Baixa Limia-Serra do Xurés; no Monte Aloia e no Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de de Carregal e Vixán. Tamén se realizan intervencións en tres Reservas da Biosfera: Río Eo, Oscos e Terras de Bourón; As Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo; e Terras do Miño.

Artigos relacionados

Back to top button