OurenseÚltima hora

Xunta e Concello mellorarán as infraestruturas sociais en Ourense

A administración autonómica investiu máis de 196.000 euros en obras e equipamento para escolas infantís, no centro de menores e notros recursos sociais en Ourense
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, manterá un encontro co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad; a concelleira de Servizos Sociais, Sofía Godoy; e a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, mantiveron hoxe, 18 de maio, unha reunión que serviu para reforzar a colaboración entre as distintas administracións no eido social.

Durante a conversa mantida entre os mandatarios, a infancia, os maiores ou os máis vulnerables tiveron un papel protagonista, din dende a Xunta. Deste xeito, destacaron a construción dun centro residencial de 120 prazas nas Lagoas, dentro do plan Como na casa que a Xunta de Galicia presentou o pasado mes de febreiro e que contén a construción de sete residencias para maiores nas sete cidades galegas. No caso de Ourense, o novo equipamento contará cun investimento de 5.983.000 euros e ocupará a uns 75 empregados.

Rey Varela e Vázquez Abad concordaron na importancia da cooperación entre Xunta e concellos, así coma coas entidades do tecido social, para optimizar os recursos locais e autonómicos. Deste xeito, o responsable da área social do Goberno galego reiterou o seu compromiso de dotar á cidade das Burgas dun centro para a atención ás persoas con discapacidade maiores de 21 anos na zona de Berrocás. Trátase dunha parcela de titularidade municipal de uso dotacional, de preto de 4.600 metros cadrados, duplicando deste xeito os metros inicialmente previstos. O conselleiro subliñou que a elección destes terreos facilitará que Ourense dispoña dun centro que responda ás demandas expresadas polos pais e nais. Cómpre destacar que a Xunta de Galicia xa solicitou formalmente ao concello a cesión do terreo para poder avanzar neste proxecto.

Así mesmo, destacaron o incremento de 2964 horas mensuais no Servizo de Axuda no Fogar Dependencia, o que supón unha oferta de 17.064 horas de servizo ao ano.

Por outra banda, o investimento do Plan déficit permitiu realizar obras de mellora en diversas instalacións que atenden a veciños da cidade, como no centro de menores A Carballeira e nas escolas infantís de A Farixa, A Antela, Barrocás e Virxe de Covadonga. Tamén, no marco deste Plan, realizáronse obras de mellora na espazo xove, mellorouse o equipamento do Punto de Encontro Familiar da cidade e tamén se melloraron tanto as instalacións como o equipamento da residencia xuvenil Florentino López Cuevillas. O cómputo global destas actuacións ascendeu a 196.885 euros.

A futura construción dun centro interxeracional a cargo da Fundación Amancio Ortega tamén foi un dos temas abordados durante o encontro. Trátase dunha infraestrutura que xestionará o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e que contará con 82 prazas na escola infantil e 100 prazas no centro de día.

Artigos relacionados

Back to top button