O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asinaron hoxe, 14 de xuño, o convenio “Educou 2017”, un acordo de cooperación entre as administracións provincial e autonómica que permitirá realizar un total de 53 obras de mellora, conservación e mantemento en centros educativos públicos da provincia de Ourense, cun investimento total de 632.009 euros, achegados ao 50 % por parte da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia.
No marco deste convenio levaranse a cabo, principalmente ao longo deste verán, actuacións en materia de infraestruturas, saneamento, electricidade, carpintería e mantemento de zonas de xogo, entre outras, “en 42 centros educativos da provincia, pertencentes a 33 concellos, sendo o investimento medio de cada obra de 15.400 euros”, explicou Manuel Baltar. O presidente do Goberno provincial expresou que a colaboración entre ámbas as dúas administracións “fai posible a realización destas obras para seguir mellorando a calidade dos medios educativos nos centros de ensino da provincia de Ourense”.
No acto de sinatura do convenio Manuel Baltar e Román Rodríguez estiveron acompañados pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e polo deputado provincial de Educación, Manuel Doval.
Os centros nos que se realizarán as obras pertencen aos concellos de Baltar, Bande, Barbadás, O Barco de Valdeorras, Beariz, Os Blancos, Boborás, O Carballiño, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, Cenlle, Coles, Laza, Leiro, Lobios, Maceda, A Merca, A Mezquita, Muíños, Nogueira de Ramuín, Oímbra, Ourense, Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Pobra de Trives, Ribadavia, A Rúa, Toén, Sandiás, A Veiga, Vilamartín de Valdeorras, Vilardevós e Xunqueira de Ambía.
Román Rodríguez destacou que este acordo de colaboración é o terceiro ano que se leva a cabo e cualificouno como “un exemplo de cooperación entre administracións en favor do benestar cidadán, velando polo axeitado mantemento dos centros educativos”. O conselleiro de Educación agradeceu a cooperación da Deputación de Ourense, afirmando que este convenio se establece a través do Plan Provincial Educou 2017, vía pola que se desenvolverán as actuacións contempladas no acordo hoxe asinado.