ConcellosÚltima hora

A Xunta inviste 162.000 euros en urbanizar o centro de Sarreaus (A Limia)

O alcalde da localidade, Gumersindo Lamas, e a conselleira de Infraestruturas e Vivenda asinaron hoxe o convenio para levar a cabo os traballos
Ethel Vázquez e Gumersindo Lamas.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o alcalde de Sarreaus, Gumersindo Lamas, asinaron hoxe, 4 de xaneiro, o convenio de colaboración para a urbanización da praza Diagonal e as rúas da contorna, cun investimento autonómico de case 162.000 euros.

Este proxecto ten como obxectivo reformar a citada praza e as rúas da contorna, en pleno centro de Sarreaus, xa que a súa pavimentación se atopa “moi deteriorada”, sinalan dende a Xunta. Así, os traballos centraranse no arranxo dos desniveis, fochancas e gretas co fin de aportar maior seguridade e comodidade aos veciños que transitan a diario por estas rúas.

As actuacións a realizar consistirán na demolición do pavimento de cemento existente, na carga e transporte dos escombros para o seu tratamento, e na colocación do pavimento, que será de lastra en pedra, para o tránsito exclusivo de peóns, e outro en base de lastra de formigón para uso mixto. Tamén se instalará un sumidoiro para a recollida de augas pluviais na calzada.

O Goberno galego, con este tipo de actuacións, ten entre os seus obxectivos, din, a mellora da rede viaria da comunidade e a ordenación do territorio e a súa cohesión, de xeito que se proporciona aos cidadáns unhas estradas eficaces, fomentando o desenvolvemento económico e social.

A Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, asume o compromiso de financiar a actuación, coa achega da totalidade do investimento preciso para executar o proxecto.

O Concello de Sarreaus levará a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras e comunicará á Axencia Galega de Infraestruturas a data de recepción dos traballos.

 

Zonas que se van urbanizar en Sarreaus.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button