Toén está a recibir unha serie de melloras nos seus camiños dentro do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) 2017 da Xunta de Galicia. Nesta localidade o Goberno galego fixo un investimento de 60.500 euros, que contribuirán á mellorar os desprazamentos da veciñanza que residen no lugar e incidir así, remarcan dende a Xunta, na súa calidade de vida.
Neste caso, as actuacións de Toén consistiron na mellora e rexeneración do firme, actualmente moi deteriorado, nos núcleos das Airas e Moreiras, na entrada que une Xestosa con San Fiz, mellorando a accesibilidade e as condicións de seguridade.
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e o alcalde de Toén, Amancio Cid, supervisaron hoxe, 19 de decembro, estes traballos. Na visita, Díaz Mouteira destacou a importancia destas obras, “que contribúen ao desenvolvemento rural galego e permiten facilitar as comunicacións dos veciños, así como dotar á poboación dos servizos básicos necesarios para contar cunha boa calidade de vida”. A delegada sinalou que o Plan de Infraestruturas Rurais atende, precisamente, “a aquelas actuacións solicitadas polos propios concellos e que contribúen a un correcto desenvolvemento do agro”.
Na provincia, foron 23 os concellos beneficiarios este ano cunha achega total de máis de 1,1 millóns de euros, segundo as cifras achegadas pola Xunta.