Esta fin de semana levarase a cabo unha acción simultánea de voluntariado para a restauración das zonas queimadas en Valdeorras, no que colaboran cinco concellos: O Bolo, Petín, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, O Barco de Valdeorras, “que foron os que se mostraron receptivos á nosa proposta”. Así o explicaba o secretario xeral de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), Froilán Pallín, na presentación da iniciativa que tiña lugar no Barco na mañá deste xoves 16 de outubro.
A iniciativa, que comezará mañá venres pola tarde e se estenderá ata o domingo, reunirá en Valdeorras a máis de 70 voluntarios e voluntarias procedentes de diferentes partes, que se distribuirán en 5 campos de voluntariado. O seu propósito é “axudar aos concellos de Valdeorras que foron asolados pola vaga incendiaria deste verán nos labores de restauración hidrolóxica e ambiental das terras queimadas, con especial atención á preservación das traídas e captacións de auga de abastecemento das poboacións, que se poderían ver gravemente afectadas en caso de arrastres de cinza por efecto das fortes chuvias”, explicouu Pallín.
Técnicas de ADEGA, co asesoramento de especialistas en restauración ambiental, visitaron e avaliaron previamente todos os espazos de intervención, para adaptar as accións a desenvolver a cada un. Así, tal como avanzou o directo xeral da asociacionl, actuarase nos montes ardidos dos que dependen as captacións de “As Arcas”, que dan auga ás poboacións de Petín e A Rúa; na contorna do rego de Fontei da Rúa; nas ladeiras do río Leira en Vilamartín, totalmente calcinadas; e na Lomba de Penaguillón, a carón da captación de augas da Forcadela do Barco de Valdeorras.
“Tamén procuraremos frear a erosión das ladeiras do Diluvio, no val do río Xares, que como o seu nome indica, son propicias aos asolagamentos coas fortes chuvias”, adiantou Froilán, explicando que ademais de poñer os seus recursos e experiencia na restauración de montes queimados á disposición dos concellos de Valdeorras máis prexudicados pola recente vaga incendiaria, “ADEGA promove esta iniciativa para vehiculizar a solidariedade do pobo galego coas zonas afectadas, a través da acción directa sobre o territorio e, sobre todo, para poñer en valor o papel do voluntariado ambiental, non como man de obra puntual, barata ou estética, senón como axente necesario e fundamental en todo o proceso da restauración hidrolóxica e ecolóxica das zonas calcinadas do país”.
O secretario xeral da organización ecoloxista, aproveitou a ocasión para reclamar a atención da Xunta, da Confederacións Hidrográfica e da Deputación, para que “asuman as súas competencias e responsabilidades e colaboren de forma coordinada na resolución dos gravísimos problemas sociais, económicos e ambientais que os incendios forestais deixaron tras de si”. Neste senso, apelou a que se promova e apoie un voluntariado en defensa dos monte galego que sexa xestionado de forma conxunta e coordinada entre as diferentes administracións, que favoreza a implicación da sociedade e teña en conta as necesidades das poboacións locais, e que integre a participación das entidades sociais organizadas con capacidade para exercer labores de xestión, formación e sensibilización do voluntariado, como é o caso de ADEGA. Tamén reivindicou un “voluntariado galego en defensa do monte que actúe durante todo o ano contra os lumes forestais, non só realizando traballos de retención do solo, freo da erosión ou control de escorrentías, senón en todas as fases da restauración hidrolóxica e da flora e fauna dos montes queimados, no desenvolvemento de labores de seguimento, vixilancia e prevención, e de sensibilización e concienciación da poboación ao longo de todo o ano”.
Os alcaldes presentes no acto, Aurentino Alonso (O Barco), Enrique Álvarez (Vilamartín), María G. Albert (A Rúa) e Miguel A. García (O Bolo) -Raquel Batista (Petín) non pudo asistir), tamén fixeron un chamamento ás Administracións competentes para que axuden aos concellos ante a inminente chegada das chuvias que, sobre todo nos casos de Vilamartín e A Rúa, suporán un perigo para a poboación polas escorrentías.
Pallín rematou a súa intervención agradecendo a todo o voluntariado participante, aos concellos da Rúa, Petín, O Bolo, O Barco e Vilamartín de Valdeorras, ás comunidades de montes veciñais e a veciños e veciñas colaboradoras pola confianza e apoio demostrados para con ADEGA e o seu voluntariado.
Plan de acción simultánea para esta fin de semana en Valdeorras
Esta fin de semana ADEGA encargarase de coordinar, planificar e dirixir o traballo técnico de 5 campos de voluntariado en diversas zonas queimadas de Valdeorras, na meirande parte, próximas a cursos de auga, de difícil acceso e con importantes pendentes, que son as zonas de maior risco de erosión e perda de solo.
ADEGA contou tamén coa colaboración de especialistas, investigadoras e profesionais en materia de restauración ambiental para dotar da formación previa necesaria ás máis de 70 persoas voluntarias que participarán nestes campos de traballo. María Xosé Sanjurjo, profesora de edafoloxía na EPSE-USC, abordou os efectos dos lumes no solo; Carme Míguez, xefa do Departamento Agroforestal no IES Cidade de Antioquía, compartiu a súa experiencia na recollida e conservación de sementes e Montserrat Díaz-Raviña, doutora en Bioloxía e investigadora na Misión Biolóxica de Galicia, e Daniel Rivadulla, enxeñeiro técnico forestal e membro da Fndación CIUDEN, instruíron o voluntariado de ADEGA sobre as diferentes técnicas de protección do solo tras os lumes forestais, como o mulching ou acolchado, e as barreiras de sedimentos.
Pola súa banda, os cinco concellos de Valdeorras que colaboran nesta acción simultánea dotarán ao voluntariado de ADEGA do material necesario, da manutención e aloxamento nos seus equipamentos municipiais (albergues do Barco, A Rúa e Vilamartín), así como da colaboración de Protección Civil. Cada campo de voluntariado estará conformado de 10 a 15 persoas voluntarias, que serán coordinadas por dúas persoas técnicas de ADEGA, unha que dirixirá os traballos de campo, e outra que atenderá ás cuestións loxísticas. As persoas participantes estarán debidamente inscritas e aseguradas e recibirán protocolos de actuación.
En vindeiras datas, ADEGA prevé achegar o seu voluntariado a outras zonas queimadas con especial interese ecolóxico, como é o Teixadal de Casaio, onde polo momento non se desenvolveu ningunha acción de restauración ambiental, malia á súa singularidade.
A recepción do voluntariado ambiental de Valdeorras para esta fin de semana por parte das autoridades locais terá lugar este venres, 17 de outubro, ás 18:30 horas no Albergue municipal de Vilamartín de Valdeorras.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver