Nas diversas vertentes da oralidade seguirá afondando neste verán o ciclo “De Perto” no Barco. A súa sexta edición desenvolverase entre o 22 de xuño e o 13 de xullo e achegará oito espectáculos, sempre ás 22:30h en diferentes entornos do Barco ao aire libre.
O programa encetarase o 22 de xuño na praza do Sagrado da man da poetisa lucense Olga Novo. Neste mesmo escenario tamén poderán escoitarse os “Contos do que non hai” de María da Pontragha o 26 de xuño e a liríca retomarase co poeta e artista visual berciano Juan Carlos Mestre o 29 de xuño nos Xardíns da Casa Grande de Viloira. “Mestre titula o seu recital Elogio de la palabra, Novo ofrecerá os seus poemas como se fosen a Historia Universal dun lugariño“, tal e como se informa dende a Concellería de Cultura do Barco.
Xa en xullo, o día 3, Ángeles Goás, achegará as súas historias co título “O medo é libre”. “De Perto” continuará en xullo con outras catro actuacións. Entre elas estará a do narrador oral Quico Cadaval e a lisboeta Ana Sofía Paiva, que compartirán escenario con “Contos de contrabando-Historia Portugalaicas”. Tamén contará a súa historia real e sorprendente de neno que viviu cos lobos, Marcos Rodríguez Pantoja. O ciclo completarase con música, da man das cantereiras Tanxugueiras, e de Uxía, que cantará a Uxío Novoneyra na actuación que pechará o programa o 13 de xullo no Castro.