Nova medalla para o vilamartinés Luis Nogueira. O atleta do Adas vén de converterse en campión de España en lanzamento de xavelina no campionato nacional máster que se celebraba na fin de semana do 29 de xuño ao 1 de xullo en Vitoria.
Na categoría de M60 Luis Nogueira lograba un lanzamento de 53.42 m, que lle supoñía unha máis que notable vantaxe sobre o segundo clasificado, Rafael Rallo (Playas de Castellón), que se quedaba nos 35.77 m.
Tamén se subía ao podio en Vitoria o atleta do Adas José Manuel Bao, que competía na categoría M60 e conquistaba a prata na proba de 100 m e o bronce na de 200 m. Ademais nesta última modalidade lograba o récord galego cunha marca de 27.42.
O capítulo de medallas do club valdeorrés neste nacional máster completábase coa prata que lograba David Vázquez Blanco na lonxitude M35, onde acadaba outro récord galego cunha marca de 6.77.