En recoñecemento “á súa vinculación histórica ao desenvolvemento do audiovisual galego en xeral, e en particular ás primeiras edicións das Xociviga do Carballiño, colaborando na súa organización”, o xurado decidía outorgar a insignia de Ouro das Xociviga 2018 a Manuel Villanueva, director xeral de contidos de Telecinco e Mediaset España.
O xurado nomeado para outorgar este premio, adoptaba o acordo por unanimidade durante a reunión mantida na mañá do 20 de xullo no Concello. Conformaron dito xurado o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, como presidente; o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, en calidade de secretario; e como vogais, María Dolores Veleiro, Ana Fumega e Carlos Rodríguez, en calidade de membros partícipes na organización histórica das Xociviga desde a súa creación en 1984.
O galardón seralle entregado durante unha gala especial das Xociviga que se celebrará o día 1 de agosto, ás 20h. no auditorio municipal Manuel María, sede do festival que este ano cumpre o 35 aniversario e que se desenvolverá do 29 de xullo ao 2 de agosto.