As actuacións colaterais levadas a cabo por ADIF que obstaculizan o curso da auga nunha zona concreta do municipio como consecuencia dun vertedoiro creado para os arranxos do AVE, preocupan ao alcalde de Castrelo do Val Vicente Gómez García. E así llo transmitía ao subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso na reunión que mantiñan o 2 de agosto.
Goméz García tamén asegura que “en período de chuvias o contorno da zona, incluídas vivendas, se ven afectadas”, polo que solicita dar saída á acumulación de auga no contorno do vertedoiro cara a un regato preto á zona, para o cal se precisaría dunha obra menor e de baixo custo segundo indica o rexedor.
A ese respecto, o subdelegado, mantivo varios contactos con dirixentes da zona en ADIF, os cales amosaron interese por arranxar o problema, indicando que “coa maior brevidade posible levarán a cabo as xestións oportunas para dar solución á cidadanía de Castrelo do Val”.