O músico Óscar Ibáñez impulsa unha serie de actos para conmemorar o 125 aniversario do nacemento do mestre Vide e para poñer en valor a súa obra e o seu legado cultural, nos que colaboran a Deputación de Ourense e o Concello.
Os actos terán lugar o vindeiro martes, 23 de outubro, e comezarán cunha ofrenda floral ás 13h. no panteón do Orfeón Unión Orensana aos seus directores, no cemiterio de San Francisco. No acto intervirán a Coral de Ruada, interpretando dúas obras de Vide (Alalá de Ourense e Morriña), e un grupo de gaiteiros da Escola de Gaitas da Deputación, que interpretarán unha muiñeira inédita composta por Vide (Muiñeira para gaita tombal e tamboril).
Pola tarde, ás 20h. terá lugar unha conferencia a cargo do musicólogo Javier Jurado (CSMVigo) sobre a vida e a obra do homenaxeado, no centro cultural Marcos Valcárcel. “Con esta iniciativa recupérase parte da nosa historia cultural e recoñécese a traxectoria docente e musical deste ourensán”, salientou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, na presentación.