Renos, elfos, trineos, árbores de Nadal, Papás Noel, algún anxo e ata unha familia de elefantes. Non había límites para a imaxinación dos disfraces nunha proba que cada ano bate récords: a Carreira Popular Solidaria do Turrón do Barco. Esta 12ª edición, na que se adiantaba o seu horario, celebrábase na tarde do 22 de decembro cunha multitudinaria participación: máis de 1.300 inscritos.
Os primeiros en tomar a saída eran os cativos ás 17:30h. dende a Fonte da Ra. Media hora máis tarde, e xa dende a praza Andrés de Prada tocáballe o turno aos maiores. A proba non ten carácter competitivo e podía participarse correndo ou camiñando e número de voltas ao circuíto (que tras saír por Doutor Pérez Lista á estrada xeral, xiraba de novo polo Malecón para voltar á praza de saída) era optativo: 1, 2 ou 3.
Tras a carreira, a organización da proba (en mans da Concellería de Deportes do Barco), servía chocolate quentiño e biscoitos aos participantes. Xa rozando ás sete da tarde dábase paso á entrega de premios á participación (tanto individuais como colectivos) e despois a un sorteo de agasallos (doados por empresas da zona) en función do dorsal.
Nesta proba a organización contaba coa colaboración da Policía Loca, Protección Civil e Ambulancias Sil, así como dun grupo de voluntarios. Da música que se pinchaba para animar este evento deportivo ocupábase o Dj Iván Tato.
Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.
Máis información e fotos:
https://osil.info/a-proba-infantil-abre-a-12a-carreira-popular-do-turron-do-barco/