Se ben é a saída dos folións polas rúas a que marca cada ano o inicio do Entroido en Viana do Bolo, o programa “oficial” de actos desta celebración non comezará ata o 21 de febreiro, Xoves de Compadres, e prolongarase ata o Mércores de Cinsa, 6 de marzo.
“No medio teremos como días máis destacados o Xoves de Comadres, o Domingo Gordo e o Martes de Entroido”, así o destacaban na presentación do Entroido 2019 de Viana do Bolo o alcalde deste municipio, Secundino Fernández, e a concelleira de Cultura, Graciela Diéguez. “O Entroido é a festa por antonomasia de Viana do Bolo, é unha tradición que xa vai nos xenes”, engadían.
Ademais das colgas dos lardeiros, dos desfiles, fariñadas e da ILIX Festa da Androlla, prevista para o 3 de marzo ás 14:30h. no pavillón (as entradas terán un prezo 17 euros e estarán á venda nas oficinas municipais, 988 340120); haberá “música con numerosas charangas e discomóbil, cinema cun ciclo arredor do Entroido na Casa da Cultura, exposicións…”, adiantan dende o Concello, que ten previsto presentar esta celebración no marco de Xantar (do 6 ao 10 de febreiro) cun espazo expositivo propio “no que divulgaremos esta tradición”.
O rexedor tamén destaca que “no noso entroido o máis importante é o pobo, a veciñanza que sae cos folións e os Boteiros, carrozas, a fariña, a androlla; é dicir o tradicional que se vive nestas datas. Este ano duplicamos os premios para as carrozas para animar a elaboración e presentación deste elemento tan importante sobre todo no domingo gordo. Así haberá 3.000 € para este apartado, e 900 € para os premios de disfraces”.