Cinco anos despois do seu nacemento coa idea de promocionar o Camiño de Inverno e os caldos de Valdeorras, o CaViño, unha peculiar ruta gastronómica e musical na que participan un bo número de locais de hostalaría da Rúa, abría na tarde do 28 de xuño unha nova edición.
Facíao coma sempre na praza do Concello coa intervención da presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras Asunción Arias, e representantes do Consello Regulador da DO Valdeorras, pero eran as bombas de palenque e a música a que marcaba o inicio da ruta.
A partires dese momdento e case ata a madrugada, numeroso público percorreu os diferentes establecementos que participan este ano. E alí, xunto a cada pincho elaborado para a ocasión, puderon degustar viños dunha adega valdeorresa. No Café, de Santa Marta; no 4, de J.L. Aristegui; no Retorno, de Sampayolo; no Pillabán, de Melillas; na Barbería, de Fco. Fdz. Álvarez; no Paco e na Skina de Guitián y Blanco; no Patio, de Vinos Maigar 5G; no Norte, de Alán; no Bravo Lux de Quinta da Peza; na Pepa, de Joaquín Rebolledo; no Sport’s, de Viña Costeira; nas Piscinas, da Coroa; e no Refuxio, de Mª Teresa Núñez.
Con cada degustación, o “peregrino” recibe un selo que lle dará dereito a premios en función do número: con 4 locais, un sombreiro Filagarchado; con 8 locais unha camiseta do CaViño; con 10 locais, unha guía do Camiño de Inverno; e con 14 locais (o percorrido completo), a Compostela coa entrada no sorteo de 20 “cursos de catas de viños” e 6 visitas a adegas. Tamén haberá un premio ao mellor disfraz de peregrino.
Na xornada inaugural a música de local en local e tamén pola rúa correu por conta de Fiadeira, Os da Fonte e Os do Recanto pero a ruta continúa hoxe, sábado 29 de xuño, e tocaralle o turno a Ouruxobruxo, Os Bertolini e Os Palletas.
Fotos: Carlos G. Hervella.