O xurado do 14º Premio Abrente de Textos Teatrais, convocado pola MIT de Ribadavia, anunciou no día de hoxe, 23 de xullo, a concesión do galardón ao texto titulado “Asfixia” de José Luis Baños, presentado baixo o lema “Sobre humanos e porcos”.
O xurado está presidido polo Director do festival, Roberto Pascual e composto pola dramaturga e actriz Avelina Pérez, polo actor Roberto Leal e polo director Álex Sampayo. Así, afirman que “se nos presenta unha peza áxil, irónica, con humor ácido, que funciona como metáfora da presión vital. Unha obra con distintas capas na recepción, que vai dende o anecdótico ata outros niveis de profundidade”.
O xurado destaca que o texto propón un interesante xogo teatral onde o aparentemente trivial e absurdo se vai transformando e crecendo eficazmente ata levar á persoa lectora a un tránsito por diferentes sensacións que tocan as convencións e o letargo rutineiro.