O Museo Claustro Mercedario acolleu nesta mañá de 6 de agosto a inauguración de “Verín, enclave de gaita”, da man do director da Real Banda de Gaitas de Ourense, Xosé Lois Foxo. Esta actividade inaugural, a cal comezou ás 12:00 horas, foi a presentación dunha exposición de gaitas primitivas, procedentes de todo o mundo, e mostras iconográficas.
Unha das pezas clave presentes na exposición son os músicos do retablo do Santuario dos Remedios (gaiteiro, tamborileiro e pandereteira) datados do ano 1 625 e que foron cedidas polo Obispado de Ourense xusto despois da súa recente restauración.
A este acto asistían, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e a concelleira de Cultura, Emilia Somoza. Os representantes do Concello destacaron que “a identidade é un factor clave para a construción do futuro. É por iso que programacións como “Verín, enclave de gaita”, ou o resto das comprendidas entorno a este Museo Claustro Mercedario, son fundamentais e necesarias para a posta en valor da nosa historia e da nosa vila.” Así mesmo, o alcalde de Verín quixo agradecer a súa colaboración tanto á Escola Provincial de Bandas de Gaitas como ao Obispado de Ourense.
Pola súa banda, Xosé Lois Foxo, o cal fixo unha visita guiada por toda a exposición, mostrábase agradecido co Concello de Verín, por invitalo a inaugurar este programa.
Fotos: Carlos G. Hervella