Despois dun ano de inactividade deportiva pola pandemia, o Tres Lunas D.O. Valdeorras regresa por todo o alto. “Foi un ano complicado pero agora estamos estusiasmados”, asegura o director deportivo do club ciclista, Pablo Diéguez.
A primeira cita será para o equipo de competición que reinicia a tempada esta fin de semana no Open de España de BTT Cofidis que se disputa en Valladolid, onde intentará seguir ampliando o seu palmares.
Malia a súa curta traxectoria, o club conta xa varios campións de Galicia, Castela e León e de España así como con trofeos internacionais conseguidos en países como Italia, Portugal ou Australia, tanto en categoría feminina como masculina. Neste primeiro campionato do ano, será o turno para Jorge Lorenzo Balsa, “un carismático corredor que loitaará por conseguir o mellor resultado posible nunha carreira con máis de 650 corredores procedentes de 13 países entre os que figura o actual campión de España da modalidade, David Valero, así como Pablo Rodríguez,Sergio Mantecón,Jofre Cullell, Roberto Bou ou Carlos Canal”, explica o director deportivo do club engadindo que tamén haberá representación internacional como o rumano Vlad Dascalu, campión do mundo e de Europa en 2019 en categoría Sub23 e un dos grandes favoritos; o francés Thomas Girot; ou o neozelandés Samuel Gaze.
A carreira celebrarase mañá, domingo 14 de marzo sobre un circuíto de máis de 5 quilómetros e grandes desniveis. O Cerro das Contiendas será así escenario do Gran Premio Ciudad de Valladolid BTT, co que se abre o Open de España BTT XCO Cofidis 2021 que constará de catro probas: Valladolid, Sabiñánigo, Candeleda e Cala Ratjada.
Escola de Ciclismo e Tres Lunas Race
Ademais do equipo de competición, o Tres Lunas ten grandes expectativas postas na Escola de Ciclismo, que arrancará a actividade en dúas semanas. “Aumentamos o número de alumnos novos e ampliamos o equipo técnico”, adianta un emocionado Pablo Diéguez, lembrando que tamén están traballando duro para preparar a conciencia a Tres Lunas Race que se disputará os días 29 e 30 de maio para situar de novo á comarca de Valdeorras no mapa internacional.