A devoción que os fieis cristiáns senten pola figura de San Antón de Padua, avogado dos obxectos perdidos e das mozas casadeiras, queda patente no gran número de parroquias e vilas que celebran a súa festividade.
En Sobradelo, capital de Carballeda de Valdeorras, non son alleos a esta devoción, por iso cada 13 de xuño honran a imaxe deste santo nado en Lisboa (Portugal) cuxa iconografía o representa acompañado da figura dun neno. Trátase dunha celebración sinxela, limitada ao barrio de Sobradelo Vello, para a que colaboran os comercios e os veciños, organizada por unha comisión de festas. É unha festa que se leva facendo dende hai moitos anos, ten moita tradición e á xente gústalle precisamente porque é sinxela, organizándose por e para o pobo.
Este ano, a pandemia de coronavirus obrigaba a limitar a celebración ao apartado relixioso, cunha solemne misa celebrada na mañá deste domingo 13 de xuño, oficiada por dous sacerdotes.
Antes e tamén despois da misa, os veciños desfrutaron do vermú nos locais de hostalaría da localidade, no interior dos establecementos e tamén nas terrazas aproveitando o no tempo.
Fotos: Carlos G. Hervella.