
Despois dunha semana de actividades promocionais como o encontro de blogueiros e xornalistas ou o obradoiro de pinchos con botelo maridados con viño de Valdeorras, mañá, sábado 23 de xaneiro, chegará o momento de degustar o produto estrela da gastronomía barquense nun xantar oficial, que se celebrará no pavillón de Calabagueiros e que contará cuns mil asistentes.
Mañá será pois o día grande da XVI Festa do Botelo do Barco, que arrancará pola mañá coa posta en marcha dunha feira con produtos variados no Paseo do Malecón e o acto de lectura do pregón a cargo do “Careca VII” e da mención de honra a “Sito, o do Xuiz” que se realizará este ano no Teatro Lauro Olmo do Barco ás 12:30h. O acto contará coas actuacións do cantautor Anxo Rei e do Orfeón
Valdeorrés.
A continuación degustarase o botelo con chourizos, patacas e repolo. A festa continuará pola tarde co programa da TVG “Aquí Galicia” que emitirá en directo o seu programa magazine e xa a partires das sete coa I Foliada e Cantos de Taberna. Oito grupos, que xa amenizarán a comida no pavillón, estarán actuando por varios bares da vila ata as 22h: Sons da Mina (Vila de Cruces), Píngalle o Moco (O Courel), Grupo Mencía (Toral de los Vados), Centro Galicia (Ponferrada), Os Bertolini (Manzaneda), Os Palletas (Quiroga) e Pándega (Valdeorras).



