A través dun bando informativo o alcalde de Viana do Bolo, o nacionalista Secundino Fernández, facía pública a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Ourense que deixa sen efecto o acordo plenario aprobado pola oposición o 20 de outubro de 2015 e que dispoñía o seu cesamento como concelleiro e alcalde.
A Corporación vianesa está formada por 5 concelleiros do PP, outros cinco do BNG e un do PSdeG-PSOE. No pleno do pasado 20 de outubro aprobábase unha proposta do grupo do PP consistente en que se declarase “vacante o posto de concelleiro que viña ocupando” Secundino Fernández “por non ter cumprido o alcalde o prazo de dez días que se lle concedera no acordo plenario do 9 de xullo sobre a incompatibilidade do cargo co seu posto de funcionario interino na Xunta de Galicia”, tal e como recolle a mesma sentencia no seu apartado de antecedentes.
“Este acordo vulneraba os dereitos cívicos e fundamentais do alcalde e das veciñas/os de Viana do Bolo” , en opinión de Secundino Fernández, que decidíu interpor un recurso ante os tribunais. “O Tribunal suspendeu ese acordo plenario inmediatamente”, asegura no bando o rexedor vianés. Ademais resalta que “a pesares dos atrancos que está a poñer a oposición municipal, esta alcaldía e este goberno van seguir traballando pola defensa dos intereses de Viana”.