A creación dos primeiros centros de saúde docentes na provincia en 1991 e a inauguración del edificio de Hospitalización psiquiátrica e Hospital de Día para enfermos agudos en 1996 eran algúns dos fitos da historia recente da sanidade ourensá que lembraba o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, en Ourense durante a inauguración da exposición conmemorativa do 25 aniversario do Servizo Galego de Saúde.
Tamén recordaba a declaración do Complexo como hospital universitario en 2011, ano no que tamén se puxo en marcha a xestión integrada na provincia, ou máis recentemente, o novo edificio de hospitalización, que pronto entrará en funcionamento. A través da exposición pode comprobarse como ten ido evolucionando a xestión sanitaria na provincia: as infraestruturas, os servizos, as persoas e o sistema nestas décadas. Hoxe Ourense conta cun Complexo Hospitalario Universitario, 2 hospitais comarcais, 14 Puntos de Atención Continuada e 106 Centros de Saúde.