OurenseÚltima hora

A X edición do Rallye Ourense – Ribeira Sacra dispútase esta fin de semana

A proba automobilística percorrerá os concellos de Ourense, O Pereiro de Aguiar, Maceda e Nogueira de Ramuín

Imaxe dunha edición anterior do rally./ Foto: Clemente Pérez.

 

Esta fin de semana celebrarase a décima edición do Rallye Ourense – Ribeira Sacra – II Memorial Roberto Soto, “unha proba completamente consolidada no calendario deportivo e que afonda nos especiais vencellos existentes entre Ourense e o deporte do motor”, segundo resaltou esta mañá en Ourense na presentación o vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández.

Esta edición do rallye, puntuable para o Campionato Xunta de Galicia de Rallys 2022, percorrerá os concellos de Ourense, O Pereiro de Aguiar, Maceda e Nogueira de Ramuín. Mañá, venres 16 de setembro, celebrarase o tramo de Castro de Beiro e o sábado, os tramos Maceda – Baldrei, A Tapada – Luíntra, Castro – Lobaces, e Melias – Luíntra.

En total serán nove treitos cronometrados por estradas asfaltadas e pechadas ao tráfico. Entre as dúas etapas e cinco seccións suman un total de 316,70 quilómetros, dos que 89,80 quilómetros son cronometrados. O parque pechado e o parque de traballo estarán situados en Luíntra, así como a dirección de carreira, instalada no edificio multiusos. A organización da proba agarda unha participación máxima de 160 equipos.

Na presentación Rosendo estivo acompañado, entre outros, polo delegado da Xunta, Gabriel Alén; o alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor; o concelleiro de Participación Cidadá do Concello de Ourense, Antonio Pérez; o xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; e o equipo organizador da proba, a Escudería Luíntra.

 

Presentación desta edición do Rallye Ourense-Ribeira Sacra.

Artigos relacionados

Back to top button