OurenseÚltima hora

A Cruz Vermella da provincia de Ourense terá un orzamento de 4,6 millóns de euros no 2023

O Plan Cruz Vermella Reacciona centrará o traballo na provincia para dar unha resposta áxil ante a crise que deixa a pandemia e o conflito da Ucraína

 

O Comité Provincial de Cruz Vermella en Ourense mantivo onte unha reunión ordinaria na que se fixo un primeiro balance da actividade levada a cabo dende os diferentes proxectos ao longo deste ano, ademais de aprobar o orzamento para o vindeiro ano 2023. Un dos temas fundamentais da intervención de Felipe Ferreiro, presidente provincial da Cruz Vermella ante, o comité foi a posta en marcha do Plan Cruz Vermella Reacciona, lanzado no pasado mes de setembro para dar unha resposta directa, inmediata e cercana ante a crise que deixa a pandemia, o cambio climático e o conflito na Ucraína.

“A situación actual provoca que moitos fogares estean atravesando grandes dificultades para atender as súas necesidades básicas, especialmente en vivenda, alimentos, electricidade e gas. O incremento progresivo dos prezos pode chegar a convertilos en inaccesibles para los fogares máis vulnerables”, sinalou.

De feito, o balance provisional de atencións realizadas por Cruz Vermella na provincia de Ourense deixa importantes cifras, como as máis de 7.300 persoas atendidas na área de inclusión social e máis de 8.300 entregas de ben e axudas económicas.

Ferreiro apuntou que para as axudas directas a familias vulnerables contamos co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Ourense, doazóns de Carolina Herrera, Naturgy, Erosky ou Unespa, entre outras, así como a colaboración da Deputación de Ourense para el desenvolvemento organizativo e poder facer chegar estas axudas a toda a provincia. En total, no que vai de ano Cruz Vermella contou con máis de 34.700 participantes nos seus diferentes programas e proxectos que ofreceron máis de 73.200 respostas ás súas necesidades (cifras provisionais).

 

 

Outro punto importante do día foi o labor de acollida a persoas refuxiadas, programa no que este ano Cruz Vermella atendeu a máis de 320 persoas refuxiadas na provincia de Ourense, das que máis de 230 procedían da Ucraína.

Ademais aprobouse un orzamento de 4,6 millóns de euros para o vindeiro ano 2023, para poder dar cobertura ás situacións de necesidade dos diferentes colectivos cos que traballa a Organización: persoas maiores, infancia en risco de exclusión ou desamparo, persoas inmigrantes, persoas sen recursos, en situación de desemprego, sen rede de apoio social ou familiar, mulleres vítimas de violencia, persoas con problemas de saúde, persoas reclusas ou ex-reclusas, e calquera persoa que precisa do apoio da Cruz Vermella porque pasa un momento de dificultade.

Finalmente, Ferreiro agradeceu a súa implicación e apoio a todos os membros do Comité e aos presidentes comarcais de Cruz Vermella polo seu traballo diario, así como ás administracións públicas, ao tecido empresarial ourensá e aos máis de 3.100 voluntarios/as que colaboran puntualmente coa organización.

Artigos relacionados

Back to top button