Dende fíos e madeira ata plantas, auga, serrín ou mesmo arroz e borras de café. Son multitude os materiais empregados no Belén de Viloira (O Barco) cos que se recrean diferentes escenarios con centos de detalles e a diferentes alturas: dende o pesebre, pasando por hortas, prados e os barrios máis humildes, onde se recrean multitude de oficios tradicionais, xunto cun mercador con numerosos postos, ata a parte alta, con chamativos palacios.
Este Belén, instalado na parte dereita da igrexa parroquial de Viloira (xa adornada para celebrar o Nadal) abrirase ao público mañá sábado e poderá visitarse ata o vindeiro 20 de xaneiro en horario de 18h. a 20h.
“Este ano incorporamos moitas figuras móbiles”, destacan os promotores da iniciativa, tres matrimonios veciños da vila. Cada Nadal tratan de melloralo, de incorporar novos elementos. Dende a imaxe da Virxe, que arroupa a Xesús, pasando por unha campesiña que dá de comer ás pitas, un pescador que saca un peixe do río, nenos que xogan, un ferreiro que golpea o xunque, un vendedor que estende unha alfombra…
O belén cobra vida con estes elementos dinámicos, aos que se suman correntes de auga ou fontes. Tamén se incorporaron nesta ocasión postos novos, entre eles os de céramica e ánforas, así como novas edificións, o torreón do castelo e as murallas.
Na elaboración deste fermoso belén os seus promotores tamén contan co apoio da parroquia, así como coa colaboración dos veciños e doutras persoas que axudan ou aportan materiais para poder realizalo e aos que lle agradecen a súa colaboración.
Fotos e vídeo: A.R.