A “Capital da Cultura” é un programa que o Eixo Atlántico vén desenvolvendo desde hai 14 anos cunha ampla participación cidadá. O evento promove a creación cultural e a accesibilidade ao consumo cultural dos creadores e artistas, tanto galegos como do norte de Portugal. A Eurorrexión Galicia-Norte do Portugal en xeral, e as cidades do Eixo Atlántico en concreto, posúen unha inmensa riqueza cultural, que estes anos coñeceu un notable auxe en practicamente todos os ámbitos da cultura.
Os recentes premios Goya visibilizaron o excelente momento que o cinema galego está a vivir e que se une ao xa tradicional protagonismo do cinema no norte de Portugal. Así mesmo, ámbitos como a música, literatura, poesía, pintura, cómic, teatro, danza, a fotografía… tamén experimentaron un importante auxe nestes anos. A Capital da Cultura do Eixo Atlántico quere, ademais, realzar o protagonismo dos creadores máis novos e das novas formas de cultura urbana integrando na súa programación música e pintura mural.
Así mesmo, a Capital da Cultura tamén pretende poñer en valor a importancia das industrias culturais e a creación de emprego e actividades económicas a través da cultura. Nesta sétima edición a cidade seleccionada polo Grupo temático de Educación e Cultura do Eixo Atlántico e ratificada na Comisión Executiva, foi a proposta por Lugo como unha candidata que integra todas estas propostas culturais na súa programación cun elevado número de grupos e artistas das cidades da Eurorrexión.
A cidade de Lugo toma a substitución de Braga, cidade que foi Capital da Cultura no 2021. Ambas as cidades teñen un pasado común xa que foron o epicentro no que Roma baseouse para irradiar e expandir a súa cultura. Como físgoa daquela época, actualmente as dúas localidades do Eixo Atlántico celebran dúas festas que conmemoran as súas orixes: Braga Romana e Arde Lucus.
Inauguración da VII edición
A VII Capital da Cultura en Lugo inaugúrase o 23 de febreiro, ás 19.30 horas, coas actuacións de lucense Abraham Cupeiro e a Orquestra Filarmónica de Braga no Auditorio Gustavo Freire. A programación continuará ata novembro con eventos en todas disciplinas artísticas: mostras de teatro, cinema, concertos, festivais de arte urbana, exposicións, actividades infantís e certames gastronómicos.
Tamén se incluirán Arde Lvcvs Cultural, o Festival Internacional de Jazz e o Caudal Fest. O primeiro evento da Capital da Cultura será a “Feira gastronómica -Sabores do Eixo” os días 25 e 26 de febreiro no Semisótano da Praza de Abastos. Ademais, durante os meses de xullo e agosto, poderase visitar a “Exposición Retrospectiva do Espolio dá Bienal de pintura do Eixo Atlántico” no Museo Interactivo do Museo de Lugo.
Participación valdeorresa
Unha das actividades incluídas neste preograma será un ciclo de conferencias, que se desenvolverán do 2 ao 30 maio baixo o título “Gallaecia: pasado común do Noroeste peninsular”. Será no Vello Cárcere de Lugo. “As diferentes rexións que compoñen o noroeste peninsular comparten moitas similitudes: as súas paisaxes, o clima, a cultura, o carácter das súas xentes… Este vínculo é froito dun pasado común: a provincia romana de Gallaecia que, lonxe da fronteira internacional que hoxe delimita Galicia e Portugal, uniu ese territorio baixo o control do Imperio Romano. Este ciclo de conferencias pretende dar o coñecer ese pasado compartido para comprender mellor o noso presente. Contaremos con conferenciantes de toda Galicia e Portugal, da talla do arqueólogo valdeorrés Santiago Ferrer.