O colexio diocesano Pablo VI de A Rúa cumpre este ano o 50º aniversario. E para celebralo teñen organizado un completo programa de actividades que se desenvolverán dende abril deste 2014 ata abril de 2015.
Na mañá do 24 de abril, a dirección do centro convocaba unha rolda de prensa para dar a coñecer a programación que xirará en torno a tres actos centrais: o primeiro será este sábado día 26 coa clausura da Semana Cultural (adicada este ano ao centenario da obra Platero y Yo de Juan Ramón Jiménez). A festa de apertura do cincuentenario contará, entre outras cousas, coa graduación da 49ª promoción, a entrega de premios de concursos culturais e probas deportivas, e a reunión de antigos profesores.
O segundo acto relevante, terá lugar o 9 de agosto, coa festa dos antigos alumnos que incluirá actos culturais, unha eucaristía e unha cea de amizade e reencontro.
O terceiro acto, co que se pechará este ano de celebracións no Pablo VI-Fátima, será o día grande de clausura que se celebrará o 25 de abril do 2015, cunha serie de actividades que porán o broche de ouro aos 50 anos de historia deste centro, de referencia en toda a comarca.
Foto: Mónica G. Bellver
Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil