Na tarde do luns 21 de febreiro inaugurábase no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense a exposición fotográfica Presas: la fuerza domesticadora de lo grande, de Antón Rodicio quen xa de pequeno se sentiu fascinado polas presas. Pola súa magnitude, o seu simbolismo, o seu potencial destructor, unha beleza recollida nunha colección de 24 fotografías que dende hoxe forman parte desta exposición.
Rodicio fotografía e explica as claves das presas de gravidade, das presas de arco de gravidade ou das presas de dobre curvatura e conta algunha historia pouco coñecida sobre os perigos que nalgún momento algún accidente pudo ocasionar na nosa contorna.
Tamén rende homenaxe aos enxeñeiros que deseñaron estes proxectos singulares e moitos deles pioneiros. Naturalmente, non podía esquecerse dos homes e mulleres que viron como os seus fogares e recordos quedaron asulagados polas augas.
A exposición poderá visitarse ata o día 31 de marzo, sendo o propio autor quen realice visitas guiadas todos os xoves, ás 19 horas.