A diversidade e o talento únense nos equipos de tenis de mesa do Colexio Pablo VI-Fátima da Rúa que contan con 6 alumnos de 4 nacionalidades diferentes (Ucraína, Brasil, Colombia e España) e que veñen de proclamarse campión e subcampión provincial no programa escolar Xogade, demostrando que o deporte non coñece fronteiras. Os campións no Campionato Provincial son Bohdan, Daniel e Joaquín e os subcampións, Denys, Juan Sebastián e Joaquím Pedro.
Tal como explican dende o centro, participaron 9 equipos que fixeron deste evento unha celebración da diversidade e o deporte, que non ten fronteiras “só corazóns unidos pola paixón e o xogo limpo”, din dende o Pablo VI, convencidos de que “o labor de inclusión comeza no colexio, onde cada alumno merece ser valorado e respectado por quen é. O deporte emerxe como un recurso único neste proceso, ofrecendo un espazo onde as diferenzas se desdebxan e a verdadeira habilidade e determinación brillan. No campo de xogo, non importa a túa orixe, xénero ou habilidade; o que importa é a túa paixón, o teu esforzo e o teu espírito de equipo”.
Estes seis mozos veñen de demostrar que “o deporte ensina valores fundamentais como o compañeirismo, a cooperación e o respecto mutuo, creando un ambiente onde todos poden prosperar e sentirse parte de algo máis grande que eles mesmos”, aseguran dende o colexio, destacando que “a inclusión no deporte non só transforma vidas individuais, senón que tamén fortalece un tecido social, construíndo un mundo máis comprensivo, solidario e equitativo desde os seus cimentos”.
Fotos cedidas.







